Suelen Estar Quartet

A Deputación organiza no Museo de Pontevedra o segundo ciclo ‘Ao Son do Piano’, coas actuacións de Suelen Estar Quartet e Rafa Fernández Cuarteto

17 Marzo 2025

As formacións de música acústica contemporánea actuarán empregando o piano de cola do Museo o sábado 22 e o mércores 26 de marzo no Edificio Castelao


A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a segunda edición de ‘Ao Son do Piano’, un ciclo de concertos acústicos de música clásica contemporánea arredor do piano de cola do Museo.

A programación deste ano inclúe dúas actuacións: Suelen Estar Quartet o sábado 22 de marzo ás 13:00 h e Rafa Fernández Cuarteto o mércores 26 ás 19:00 h. Ambas serán no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.



Suelen Estar Quartet é un cuarteto formado por María José Pámpano (violín), Elena Vázquez (violín), Macarena Montesinos (violonchelo) e Saúl Puga (contrabaixo), que actuarán en colaboración coa pianista Berta Fresco para interpretar pezas dunha das autoras contemporáneas máis recoñecidas, a norteamericana Caroline Shaw co proxecto “Dear Caroline”.

Sen partituras, pero herdeiros da tradición clásica e influenciados por estilos musicais tan diversos coma o free jazz, a música antiga, a música contemporánea ou a electrónica e experimental, Suelen Estar Quartet preséntase como unha formación pioneira na abordaxe da linguaxe da libre improvisación sobre os instrumentos de corda de tradición clásica. Unha rara avis dentro da escena nacional que explora os límites tímbricos e sonoros dos seus instrumentos en cada unha das súas interpretacións, baseadas en composicións en tempo real.

O cuarteto achégase nesta ocasión á música contemporánea da man das composicións de Caroline Shaw. Seducidos pola capacidade da compositora para entrelazar a estrutura con espontaneidade e polo seu enfoque innovador, Suelen Estar Quartet e Berta Fresco achegan o público ao fermoso universo de Shaw, gañadora de catro premios Grammy.


Rafa Fernández Cuarteto

O segundo concerto será o do proxecto do guitarrista noiés Rafa Fernández, cun cuarteto completado pola arpa de Bleuenn Lefriecc, o óboe e o corno inglés de Benxamín Otero e o piano e os sintetizadores de Álex Salgueiro. Xuntos ofrecen unha exquisita mestura de sonoridades acústicas coma eléctricas, nun contexto de música ambiental e contemporánea, xéneros nos que este guitarrista leva máis de dez anos sendo unha das súas principais figuras no territorio galego.

Neste concerto repasaranse temas de traballos discográficos como Aldán ou A cara bonita da pedra, así como músicas escritas para diferentes proxectos audiovisuais cos que este músico percorreu gran número de escenarios na súa longa traxectoria.

Está pasando!