A Deputación de Pontevedra pon en marcha os Premios Ágora de Fotografía sobre o Espazo Público ‘FotoÁgora’

30 Agosto 2021

O obxectivo do certame é reunir imaxes de calidade  que dean a coñecer os dez principios da Rede Ágora baseados en poñer ás persoas como eixe central de cada actuación de deseño urbano, facendo fincapé en que o espazo público “é un dereito da cidadanía ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación por ser escenario da vida colectiva”.

A contía total dos recoñecementos ascende a un total de 40.000 euros que se repartirán nun primeiro premio de 6.000 euros, nun segundo de 4.000 euros, unha recompensa de 2.000 euros para as mellores fotografías de cada unha das categorías referidas aos dez principios Ágora, así como outros 20 accésits de 500 euros.

As categorías nas que participar –cada persoa poderá entregar un máximo de cinco– correspóndense con cada un dos 10 principios que promulga a Rede Ágora, premiándose as fotografías sobre actuacións realizadas, exclusivamente, no espazo público da provincia de Pontevedra que mellor reflictan cada un deles: O espazo público é un dereito; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable.

Valorarase a capacidade da fotografía para mostrar a importancia dos principios que rexen a rede Ágora e tamén a calidade técnica da imaxe por parte de un xurado de persoas expertas.

Adiántanse aquí as bases do concurso, que serán publicadas en breve oficialmente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), para que profesionais –e tamén afeccionadas- coñezan os requirimentos e vaian tomando xa instantáneas coas que presentarse ao certame dende o momento actual.

Está pasando!