As bonecas Barbie chegan ao Mercado Municipal de Tomiño coa exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”

3 Novembro 2020

O Mercado Municipal de Tomiño acolle ata o 20 de decembro a exposición “Rompe. Xoga en Igualdade”, impulsada polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

A inauguración tera lugar o mércores 4 de novembro ás 12:00 h.

Trátase dunha mostra de poesía visual de Isabel Blanco e Irene Silva, protagonizada polas famosas bonecas Barbie, que representan unha imaxe irreal da muller, para amosar as violencias de desigualdade que sofren as mulleres desde o berce.

Con esta proposta queremos reivindicar a igualdade entre homes e mulleres e a concienciación social visualizando a posición de asimetría e discriminación da muller nas distintas sociedades, xerme da violencia machista. Trátase dunha exposición de poesía visual na que o obxecto fala por si mesmo precisando apenas un texto explicativo. As bonecas elixidas para o proxecto interviñéronse para amosar situacións de desigualdade, violencia e discriminación e recalcar a importancia do xogo na educación e a formación de nenas e nenos así como na transmisión de valores.

As bonecas expostas transmiten valores sexistas que se reproducen nos xogos, dirixindo en gran medida as condutas das nenas e dos nenos.

Mostralas intervidas como mulleres obxecto e representando a realidade da desigualdade das mulleres na sociedade entendemos que resulta didáctico, esclarecedor e reivindicativo.

+info. en depo.gal

Está pasando!