Manu Lourenzo e Diego Moreira na presentación da gastro-experiencia ‘OsTres’ | © Concello de Soutomaior

A Festa da Ostra ofrece unha experiencia gastronómica como novidade na súa XXXVI edición

4 Abril 2024

A estrela desta festa será, como cada ano, a ‘Ostra ao Natural’, pero nesta edición tamén se contará co ‘OsTres’, unha gastro-experiencia con sabor a paisaxe e a mar que, na mañá de onte, presentaron o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Réxime Interior, Diego Moreira.

As e os interesados terán a oportunidade de degustar a ostra cociñada con estes exquisitos pratos que se deberán degustar nesta orde:

  • Ostra de mar e montaña sobre unha crema carbonara ibérica.
  • Ostra adobada en teriyaki sobre crema de aguacate e caviar de arenque e ovas de salmón.
  • Ostra en escabeche tradicional.

Pratos que conforman a gastro-experiencia ‘OsTres’ | © Concello de Soutomaior

O prezo da ración da ostra ao natural (dunha ducia de ostras) será de 10 euros e da gastro-experiencia ‘OsTres’ tamén será o mesmo, 10 euros para degustar a ostra cociñada con eses tres preparados, cociñados polo Calidus Catering, unha empresa que lidera o veciño de Soutomaior Joaquín Lema.

Todo refogado cos mellores albariños do concello, o Noelia Bebelia, María Vinyals, Pedro Madruga e Quinta das Eiras (a botella terá un custe de 12 euros).



A festa arrancará este mesmo venres cun acto homenaxe a Isabel Seoane Amoedo, a última ostreira de Arcade que traballou na Pedra, quen recibirá un galardón en recoñecemento ao seu labor durante tantos anos. Un recoñecemento que tamén se pode apreciar na imaxe do cartaz desta edición: as súas mans abrindo este produto tan vencellado coa súa vida. Nesa xornada haberá tamén música coa charanga A cabeza non para e a verbena a partir das 22:30 horas, coas orquestras Marbella e Origen.

sábado 6 a partir das 11.00 horas haberá pasarrúas e animación a cargo da charanga Fanfarria Furruxa, desde o centro urbano ata o Peirao. Ás 12.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.

Ás 20.00 horas Mekanika Rolling Band será o encargado de animar as rúas de Arcade e ás 22.30 horas comezarán a animación musical coan América de Vigo e La Fórmula. Ás 00.00 horas dará comezo a tradicional tirada de foguetes de arteficio.

A xornada do domingo 7 comezará ás 10.00 horas na rúa do Calvario, cun pasarrúas a cargo da Banda de Música Artística de Arcade e a Banda Cultural de Arcade, e que rematará no Peirao. Ás 11.00 horas terá lugar a apertura das casetas de degustación.

Ás 13.00 horas terá lugar á lectura do pregón, que este ano estará a cargo do escritor e profesor Manuel Lourenzo González. Pola tarde, ás 18.30 horas, os asistentes poderán gozar coa actuación musical de Cantanascroas.

As casetas da festa abrirán o sábado, 6 de abril, a partir das 12:00 horas e ofrecerán ostras ao natural e un adianto do ‘OsTres’ que se servirá ao mediodía. O domingo as casetas abrirán ás 11:00 horas e ofrecerán a ostra ao natural e a gastro-experiencia ‘OsTres’ ao longo de toda a xornada.


Está pasando!