Presentación do Festaclown 2024 | © Concello de Vilagarcía

A festa da risa regresa a Vilagarcía cun Festaclown olímpico, inclusivo e máis reivindicativo que nunca

16 Agosto 2024

  • Os xardíns de Ravella acolleron a presentación da décima edición do Festaclown, o festival circense que xa é unha cita ineludible no marco das Festas de San Roque, e que este ano regresa cun espectáculo olímpico protagonizado polas entidades sociais da cidade
  • O cartel deste ano permitiranos gozar de grandes compañías nacionais e internacionais, e cun talante máis reivindicativo que nunca, pedindo o cese da violencia contra o pobo palestino
  • O alcalde, Alberto Varela, presidiu a presentación na que tamén participou o conselleiro de Cultura, José López, e á que asistiron a concelleira de Cultura, Sonia Outón, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director do certame, Nacho Fungueiriño
  • O Festaclown retorna do 19 ao 25 de agosto para encher de alegría e ledicia as rúas e prazas de Vilagarcía, disposto a desencaixar mandíbulas coa risa, levarnos polo aire coas acrobacias e espertar as nosas gargalladas máis rebeldes

Fungueiriño explicou que nesta edición achegaranse a Vilagarcía compañías galegas, nacionais e internacionais de alta calidade, desde a vontade que sempre ten o Festaclown de xerar espazos de diálogo intercultural e interxeracional, nos que descubrir novas culturas e formas de vida e facer da risa unha ferramenta para a empatía e a transformación social. Ademais, claro está, de servir de escaparate e trampolín ás compañías e espectáculos galegos.


Presentación do Festaclown 2024 | © Festiclown

O cartel deste ano permitiranos gozar de grandes nomes nacionais, como o ilusionista Miguel de Lucas, que estrea en Galicia o seu espectáculo Magia y Humo; de compañías internacionais chegadas de diferentes continentes como Circ Colokolo (Marrocos), Tchyminigagua (Colombia) e outras nacionais de gran calidade como o Zirko Txosko, Orain Bi ou Ameba Teatre.

En total haberá catro estreas absolutas e seis estreas en Galicia. E, como cada ano, o público do Festaclown poderá votar polo seu espectáculo favorito dentro do certame.

Seguindo o esquema de sempre, o Festaclown divide a súa programación en varios bloques temáticos: os “Superroquiños” matutinos para a cativada, e o Certame e a Mostra, de tarde, para público familiar. Ademais, dende os seus inicios, o festival avoga pola cultura accesible a todos os públicos, tamén dende a creación. Por iso, dentro do seu apartado social podemos encontrar varios espectáculos nos que participan compañías profesionais con artistas con discapacidade e grupos locais. Nesta ocasión contaremos coa colaboración da Asociación Con Eles, Amencer, Igualarte e Clámide.



O alcalde deu a benvida a unha nova edición do Festaclown agradecendo que “con el chegan as risas, a maxia e a ilusión para todos os públicos, pero moi especialmente para os máis cativos”. Varela lembrou que o certame chegou a Vilagarcía hai xa dez anos, como unha proposta da concelleira Sonia Outón, “todo un acerto que hoxe fai do Festaclown unha cita ineludible e moi esperada na axendas das festas patronais”. Coa décima edición a piques de estrearse, o rexedor comentou que “a relación do Festaclown con Vilagarcía é sólida e duradeira, máis que moitos matrimonios”, chanceou.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura encomiou a proposta do festival vilagarcián “por valerse das artes escénicas ligadas ao circo como ferramenta para a concienciación social e por achegar a actividade cultural a todo o territorio e a todos os públicos, como así o recolle a Lei de Cultura inclusiva e accesible de Galicia que impulsamos desde a Consellería e se está a tramitar no Parlamento”.

Está pasando!