A programación de verán en Pontevedra continúa en xullo e comezos de agosto con 14 programas

17 Xuño 2021

A concelleira de Festas, Carme da Silva, presentou o que cualificou como “o segundo anticipo da programación de verán”. Así, anunciou os 14 programas que se desenvolverán desde o 2 de xullo ata o 6 de agosto, xusto ata antes de que dean comezo as Festas da Peregrina.

Da Silva explicou que “o que corresponde ás Festas da Peregrina e a toda a programación que queda ata que remate o verán, farase pública máis adiante porque para pechala definitivamente estamos moi pendentes de como van evoluíndo distintas normas sanitarias que van entrando en vigor e que van cambiando cada semana”.

Salientou que estes 14 programas supoñen “centos de actividades e centos de artistas”, que actuarán por diversos espazos da cidade e dos barrios e que “é unha programación feita con variedade e con diversidade para todos os públicos”. Entre as novidades menciou programas novos como ‘Cabaré Cabaré’, ‘Ponteilusión’ ou ‘Vai de monólogos’.

Tamén fixo unha mención especial ao programa que abre a programación de xullo ‘Ambienta’, sobre o que indiciou que “é o festival de cine de temática LGBT que colle o relevo do FLOP e que queremos que sexa o inicio do que será un gran festival en Pontevedra de cine da diversidade e da pluralidade. Salientou o regreso da ‘Festa dos Libros’ xa que “fora unha das grandes ausentes do verán pasado”; e salientou o protagonismo que “as mulleres teñen nas actividades que organizamos durante o verán en Pontevedra que, aínda que están por toda a programación, quixemos darlle protagonismo co programa ‘Con voz de muller’ que traerá o mellor que hai neste momento no panorama artístico galego”.

Carme da Silva | © Concello de Pontevedra

O programa xa pode consultarse en liña na web do Concello e mañá comezará a repartirse en papel. Carme da Silva explicou que este ano “vai incluído un regaliño para facilitar o seu seguimento e poder seleccionar as actividades ás que ir”. Co programa vai incluído un programa-calendario acompañado dun imán para poder colgalo nunha superficie metálica posto que, en palabras da concelleira “ esta programación é un reto á capacidade da sociedade de Pontevedra e das persoas que nos acompañen”.

Ademais dos 14 programas, tamén se inclúen o San Bieito, o 11 de xullo, que coas normas sanitarias vixentes contará con pasacalles de grupos de música tradicional durante todo o día; a Feira de artesanía e deseño ‘Chalana’, do 14 de xullo ao 3 de agosto, no paseo Antonio Odriozola; e o Santiaguiño do Burgo, do 23 ao 25 de xullo, que atendendo tamén ás normativa vixente neste momento inclúe dianas, alboradas, e pasacalles de grupos de música tradicional polo barrio do Burgo durante todo o día.

Está pasando!