A programación municipal de Artes Escénicas Vigocultura contará con 20 espectáculos entre xaneiro e abril de 2022

12 Xaneiro 2022

Vigocultura presenta a súa programación de artes escénicas para o primeiro semestre deste 2022. Vólvese á normalidade no ritmo de programación despois do inmenso esforzo que desde o Concello de Vigo se fixo nos dous últimos anos para reforzar o tecido artístico e paliar dentro do posible os efectos da pandemia que sufriu o sector, mediante programacións dobres de cada espectáculo.

Mantéñense, iso si, os protocolos COVID especificamente deseñados para o Auditorio Municipal. Uns protocolos conservadores que buscan garantir a seguridade de traballadores, artistas, técnicos e público. Poderemos seguir desfrutando das mellores compañías de artes escénicas, con todas as garantías de seguridade, tal e como se vén facendo nas últimas edicións de Vigocultura, con todas as medidas de hixiene.

O aforo do Auditorio Municipal, que a día de hoxe está ao 100%, adaptarase ás medidas sanitarias que diten as lexislacións, polo que poderían cambiar en calquera momento os modos de acceso ao recinto. Será obrigatorio en todo momento o uso da máscara de protección a partir dos 6 anos e recomendable entre os 3 e os 5. O Auditorio Municipal conta con percorridos independentes de entrada e saída debidamente indicados, así como dispensadores de xel hidroalcohólico.

Priorizarase a compra online e o pago con tarxeta de crédito para evitar no máximo posible o contacto físico, volven os programas en papel tan demandados polo público ademais de estar tamén dispoñibles a través do código QR de descarga do programa completo, así como as votacións dos espectáculos que tamén se realizarán de xeito telemático.

Coma sempre, trátase dunha programación elaborada desde e polo Concello de Vigo, que segue consolidando públicos, a través da diversidade de disciplinas e a variedade de estilos. Unha programación para todos os públicos composta por teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés. O programa inclúe a 20 compañías, que realizarán un total de 24 funcións en 21 días de programación que se desenvolverá durante 3 meses, desde a derradeira fin de semana de xaneiro e ata a derradeira de abril.

A programación comezará na rúa do Príncipe, como vén sendo habitual, que tamén contará cun protocolo específico COVID, o venres 28 e o sábado 29 de xaneiro, co pasarrúas “The Wolves” da compañía La Fam Teatre. Un espectáculo recomendado por La Red Española de Teatros, con música en directo e zancudos no que catro brokers de Wall Street percorrerán o centro da cidade a ritmo de funky e onde desenvolverán unha peculiar xornada laboral.

Dúas estreas mundiais de dúas compañías viguesas: “Hotel Europa” de Señora Supina e “O Péndulo” de Inversa Teatro, Unha estrea en Galicia con “Turistas” de Meridional Producciones, e compañías de éxito como A panadaría, ArtesaCía Transmedia, Ibuprofeno Teatro, Teatro En Vilo ou Teatro Do Noroeste, e dous espectáculos de danza como o multipremiado “Bailar agora” de Marta Alonso ou “DeMente” de Fran Sieira, conformarán a oferta dos venres destinada ao público adulto.

A programación para público familiar que se desenvolve os domingos estará cargada de maxia, monicreques, circo, danza e, nesta ocasión, e ante a demanda do público, haberá dous espectáculos para bebés. “Cris pequeña valiente” de El Espejo Negro, abrirá a oferta para os máis cativos o domingo 6 de febreiro, cun espectáculo sobre a transexualidade infantil que recibiu no 2021 o Premio FETEN ao Mellor Espectáculo, o Premio Especial do Xurado de Palma del Río ou o Premio do Público da MIT Mostra Internacional de Teatro Ribadavia. “Tarzán” de MarMar Teatro, “Sopa de piedras” de Engruna Teatre, “Las pequeñas cosas” de La Mecánica, o espectáculo de circo “Isla de D’Click”, a maxia de Dani Polo, e os espectáculos para bebés “Os tres porquiños” de Migallas Teatro e o de danza “Pequeño Big Blue” de Panicmap Proyectos Escénicos, completan este semestre de artes escénicas que rematará no mes de abril.

Os prezos das entradas seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais e van en función dos cachés dos espectáculos.

Os prezos das entradas para os espectáculos para adultos serán de entre 8 € e 15 € e os dirixidos ao público familiar, de 5 €. Como vén sendo habitual haberá abonos á carta, nos que se poderán elixir 5 espectáculos cun 10% de desconto ou 10 cun 25%.

As entradas e abonos pódense adquirir a través da web giglon.es e en Librouro Librería.

Consulta o programa completo VIGOCULTURA XANEIRO-ABRIL 2022

Está pasando!