A Sala Ártika presenta a programación para o último cuatrimestre do 2023: “Ti es parte da cultura”

29 Xuño 2023

A Sala Ártika presentou a nova programación teatral para este semestre nun acto presidido pola propia directora da sala Fernanda Barrio en compañía de Jacobo Sutil (Director do AGADIC) e Gorka Gómez (Concelleiro de Cultura).

Vinte e cinco compañías pasarán pola sala situada na rúa Beiramar en Vigo e que traerán á cidade 41 representacións de teatro familiar, espectáculos para público adulto e danza. Unha programación que, en palabras da propia Fernanda Barrio, directora da Sala Ártika, busca “achegar ao público galego unha programación variada do gusto de todos e todas” .

Deste xeito, esta tempada teatral comeza co XXI Circuíto de Creación Escénica Contemporánea organizado pola Rede de Teatros Alternativos. Un circuíto ideado co obxectivo de facilitar a xira de compañías polas salas alternativas asociadas, sendo Ártika o único espazo en Galicia que acolle este tipo de propostas escénicas.



O propio director do AGADIC, Jacobo Sutil, destacou que a Sala Ártika “conta un ano máis cunha das mellores programacións teatrais ao programar espectáculos de compañías galegas consolidadas e outros moitos de compañías do panorama nacional”.

Destacou a presenza das compañías Chévere e a A Panadaría que estarán presentes no IV Festival Comediártiko. Dito festival encherá á cidade de gargalladas do 07 de outubro ao 19 de novembro grazas aos espectáculos: “Como ser superwoman y no morir en el intento” de Impulso teatro, “Curva España” de Chévere, “Inestable” de Sutottos, “Tres cosas” de Sala Cero Teatro, “La biblioteca imaginaria” da compañía Arbolé e co musical familiar “Hechizados” da Compañía Off.


“La biblioteca imaginaria” | © Arbolé

Completa o cartaz A Panadaría que volven coa súa última produción “As que limpan”, despois de colgar o cartaz de entradas esgotadas nas 6 funcións que fixeron na Sala Ártika na edición anterior.

O concelleiro vigués Gorka Gómez tamén tivo unhas palabras co espazo na súa primeira comparecencia pública dentro da Concellería de Cultura, resaltando a labor que durante estes nove anos a Sala Ártika tivo coa cultura viguesa e facendo un chamamento á obriga que teñen as administracións públicas de facer difusión da cultura en directo e de facilitar o acceso á mesma coa fin de democratizar o seu acceso.

Os máis pequenos e pequenas da casa seguen tendo un espazo destacado na programación do segundo semestre do ano. O IX Festival Pequeártiko de Nadal que terá lugar do 22 ao 31 de decembro e que conta cada vez cunha mellor acollida, tanto entre as compañías que presentan os seus espectáculos para participar nel como entre o público asistente.

Como novidade, este ano a sala Ártika presenta una programación estendida con tres espectáculos que terán cita no ambigú: “Anacos” de Ítaca Teatro, “Narracións imprevistas. Literatura repentina” de Jorge de Arcos e Santi Prego e “Marcho que teño que marchar” de Bea Campos.

Completan a programación os espectáculos de danza “Un momento oportuno” de Provisional Danza e “O raro é que bailar sexa raro” de Vacaburra.

Fernanda Barrio comunicou que á venta de entradas estaría dispoñible a partir das 12:00 horas do mércores 28 de xuño a través dos canais de venta habituais.


Está pasando!