Cabalgata de Reis en Pontevedra | © Concello de Pontevedra

A tradicional Cabalgata de Reis atravesará o centro da cidade de Pontevedra o vindeiro 5 de xaneiro

2 Xaneiro 2024

Chegados de Oriente, os Reis Magos, os afamados Melchor, Gaspar e Baltasar; visitarán a cidade de Pontevedra o vindeiro venres, 5 de xaneiro. Seguindo a tradición, as súas maxestades máxicas recibirán a todas as crianzas que se acheguen até o Pazo de Mugartegui entre as 11 e as 13 horas, sendo recibidos polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Festas, Demetrio Gómez.

Alén desta recepción, os Reis Magos participarán na cabalgata da mesma tarde, que iniciará o seu percorrido ás 18.00 horas desde a Avenida de Lugo, para logo percorrer Loureiro Crespo, Benito Corbal, a praza da Peregrina, a rúa Michelena, a Praza do Concello e, finalmente, a rúa Alameda. Así, mantense o percorrido habitual de todos os anos, percorrido no que participan centos de persoas animando e axudando a Melchor, Gaspar e Baltasar á hora de ofreceren caramelos e saúdos a todos os nenos e nenas que se acheguen até o trazado.

A comitiva festiva contará coa presencia e participación activa da Policía Local, os Bombeiros de Pontevedra, a charanga Airiños de San Martiño, Rivel Animación, Pablo Méndez Performance, o grupo Dúos Pontes, Barafunda, Art-Monium, Troula, o grupo folclórico Pola Vila e Os de Algures. Ademais, haberá seis carrozas distintas (a carroza Barbie, a de Shrek, a de soldadiños de chumbo e, como non, a de cadanseu rei mago).

Pola súa banda, a Policía Local lembra que por mor desta cita, será preciso realizar certas restricións de tráfico e mobilidade para vehículos. A partir das 16.00 e até as 19.00 horas nas rúas Avda. Lugo e Loureiro Crespo (tramo entre Virxinia Pereira e Rodríguez Seoane ) non será posíbel circular. Do mesmo xeito, pero entre as 17.00 e as 20.30 horas, será imposíbel facelo nas rúas Loureiro Crespo, Benito Corbal, Michelena, Praza do Concello, Alameda e Echegarai.

As rúas con sentido de circulación cara as vías sinaladas atoparanse pechadas ao tráfico, o que impedirá a saída e a entrada nos garaxes das zonas afectadas pola Cabalgata até que finalice a mesma.

Está pasando!