O Mirador de Monte Porreiro acollerá a esencia da música urbana, con especial énfase na escena galega, a través de cinco concertos diferentes

1 Agosto 2021

O ‘Son Do Verán’ chega ao seu fin. A programación feita polo Concello de Pontevedra para a época estival camiña cara os seus derradeiros ciclos, que entre o luns día 2 e o venres 6 de agosto, ofrecerán espectáculo, música e cinema. Estes son: ‘Bule Bule Polas Prazas’, ‘Urbana Monte Porreiro’ e ‘Cine e Estrelas’.

Así, a veciñanza poderá escoller entre tres alternativas de ocio distintas e variadas. No caso da ‘Urbana Monte Porreiro’, o obxectivo é amosar a esencia da música urbana, con especial énfase na escena galega, a través de cinco concertos diferentes.

Entre o luns 2 e o venres 6 de agosto, o Mirador de Monte Porreiro acollerá unha actuación diaria ás 21:00 horas.

O programa inicial incluía a Dios Ke Te Crew, formación veterana do rap galego, mais o grupo non poderá finalmente actuar por mor de incompatibilidades persoais. A banda elixida para ocupar o seu posto será Rebeliom do Inframundo.

• Luns 2 – Rebeliom do Inframundo

Definidos como unha banda de rap combativo, os de Ponteareas non deixaron de medrar dentro da escena galega nos últimos anos a través da súa proposta musical, comprometida coa lingua e o país. Creada no 2005, son hoxe un referente, contando na actualidade con Nervo (MC), Malvares de Moscoso (MC), Frank (MC/Produtor), Movementss (Produtor) e Pol (DJ).

• Martes 3 – Ladilla Rusa

Formado no 2017 e nacido dunha brincadeira, o dúo barcelonés, orixinario de Moncada y Reixach, está formado por Tania Lozano e Víctor F. Clares. Mesturan o electropop coa rumba catalá e outros estilos ben coñecidos na periferia barcelonesa, na procura do que eles chaman orgullo charnego. Cren no humor e na festa como a principal base para a súa arte.

• Mércores 4 – Boyanka Kostova

O dúo formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk) é unha das propostas máis chamativas e con máis percorrido dentro da música urbana galega nos últimos anos. Boyanka Kostova son unha explosión de novidade, coa capacidade de unir o trap coa mesma tradición musical do país, namentres continúan a traballar en outros proxectos de relevancia. Diego Tristán, Colacao ou Muiñeira de Interior son novos himnos para unha nova xeración.

• Xoves 5 – O Rabelo

Trala súa participación no Acústica na Parda, a Boa Vila terá unha nova oportunidade de ver a proposta feita por este pontevedrés, onde continúa afondando nas novas tendencias urbanas sen deixar de lado outras formas de tradición e música oral como a regueifa.

• Venres 6 – Verto

Alcanzaron o éxito durante esta pandemia e, como recoñeceron en máis dunha ocasión, aínda non ofreceron ningún concerto en condicións de plena normalidade. Chegará ese día. Nesta ocasión volven a Pontevedra (un dos seus membros e veciño da cidade) para presentar o seu último traballo, ‘Embora’, co que lograron o aplauso do público e continúan nas mesturas entre o pop e a electrónica, desta con chiscadelas aos anos 80, mantendo as súas letras intimistas e identificativas.

Está pasando!