Aberto o prazo para participar no V Concurso de Fotografía Festa da Ameixa

21 Xullo 2022

O luns 18 de xullo abriuse o prazo para participar no Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, que este ano chega á súa quinta edición. Os e as autoras das instantáneas que reciban unha maior valoración por parte du xurado levaranse como premio vales en material fotográfico ou similar, valorados en 300, 200 e 100 euros.

Como xa é habitual, a temática das fotos versará sobre a Festa da Ameixa, que, tal e como lembra o nacionalista Xosé Martínez Blanco, este ano vivirá “unha edición moi especial”, ao volver a formar parte do programa Verán en Poio, logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia da COVID-19. Ademais, tamén se poden presentar instantáneas que teñan que ver sobre as labores tradicionais do mar e as súas xentes, así coa sostibilidade no sector.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 9 de setembro. Os traballos deberán presentarse na Casa do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As obras deberán ir acompañadas dun documento anexo, no que figurará o título de cada fotografía, así como o nome e apelidos do autor e autora e os seus datos de contacto (teléfono, domicilio) e unha declaración xurada conforme reflicta a autoría das instantáneas.

O xurado encargado de valorar os traballos presentados estará composto por unha persoa en representación do Concello de Poio, outra da Asociación de Mulleres Arela e un ou unha integrante da empresa de xestión sociocultural Gaia Animación. Valoraranse cuestións como a creatividade, o vigor da mensaxe gráfica, a idoneidade do traballo e a súa sintonía co espírito da Festa da Ameixa, sen esquecer o concepto de sostibilidade da mesma.

O concelleiro de Festexos lembra que as bases poderán ser consultadas nas redes sociais do Concello e na súa páxina web, tal e como é habitual.

Está pasando!