Presentación do ciclo ‘Resonancias’ | Concello de Pontevedra

Alba Reche protagoniza a nova edición de ‘Resonancias’, o ciclo que une música e saúde mental

29 Setembro 2026

O evento, de acceso libre e promovido polo Concello de Pontevedra, celebrarase o vindeiro 3 de outubro no Liceo Casino e combinará un coloquio divulgativo cun concerto acústico


O Concello de Pontevedra volve situar o coidado da saúde mental no centro da axenda cultural coa presentación da nova entrega do ciclo ‘Resonancias’. A iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, acompañada por Roi Grandío e Carmen Díaz, en representación da empresa audiovisual Borneo, integrada na rede Pont-Up Store.

Tralo éxito colleitado na experiencia piloto do ano pasado con ‘Eladio y Los seres queridos’, a cidade renova a súa aposta por este formato que afonda nos procesos creativos e emocionais a través da arte.

Nesta ocasión, a artista convidada será Alba Reche, quen ofrecerá unha experiencia deseñada para ir máis aló do entretemento e converterse nun espazo de reflexión e divulgación.

A cita celebrarase o xoves 3 de outubro no Liceo Casino de Pontevedra, coa apertura de portas ás 19:30 horas e entrada libre ata completar cabida.

A estrutura do evento inclúe unha presentación inicial, unha conversa divulgativa duns 40 a 45 minutos e un concerto acústico final de arredor dunha hora de duración.

Alén da proposta musical, ‘Resonancias’ xorde do fondo vínculo existente entre a creación artística e a psicoloxía. Para garantir un carácter rigoroso e de axuda real para a poboación, a iniciativa conta co respaldo dun equipo de profesionais da psicoloxía liderado por Rosana Corbacho. Deste xeito, procúrase ofrecer ferramentas de apoio emocional e visibilizar as vivencias internas dos creadores.

A concelleira subliñou a importancia de visibilizar a saúde mental na sociedade a través de ferramentas culturais. Pola súa banda, a produtora Borneo destacou o valor de consolidar un proxecto xurdido do talento local que busca conectar co público dun xeito útil e orixinal.

Está pasando!