Calexico | © Holly Andres

Calexico celebrarán o 20º aniversario do seu disco “Feast Of Wire” no Auditorio Mar de Vigo

26 Maio 2023

  • A banda de Arizona actuará o vindeiro 11 de outubro no Auditorio Mar de Vigo dentro da súa xira de celebración do 20º Aniversario do seu disco “Feast of Wire”
  • Esta actuación súmase ao resto de programación de artistas e bandas internacionais de alto nivel como !!! (chk chk chk) e Jethro Tull, que estarán esta fin de semana no Mar de Vigo, Julieta Venegas, Curtis Harding, Tinariwen ou Asaf Avidan
  • As entradas para o concerto de Calexico en Vigo en outono xa están á venda a través de www.teuticket.com

Calexico levan desde 1996 labrando unha carreira que lles fixo gañarse o recoñecemento internacional, tanto da crítica como do público. O seu nome de cidade fronteiriza indícanos cal pode ser o seu estilo, e é que esta banda de Arizona creou unha fusión perfecta entre o indie-rock, o country e o folk americanos, uníndoos á cumbia, ao mariachi, e ao jazz. Ademais, non negan as influencias de Ennio Morricone, e como banda, rara vez quedan quietos, pois de cada viaxe empápanse de algo novo.

Hai xa 14 anos desde que visitaron Vigo, e este 2023 regresan cunha xira onde celebrarán os 20 anos dun dos seus discos máis aclamados, “Feast Of Wire”, o seu 4º álbum de estudo que foi descrito por Pitchfork como “o disco que sabiamos que tiñan pero que temiamos que nunca fixesen”. Este traballo foi o que lles puxo na crista da onda da cal xa non se baixaron e coa que recalarán no Auditorio Mar de Vigo o 11 de outubro (21.00 horas).


Eles mesmos son conscientes do momento no que se atopan como banda, por iso este ano deciden lanzarse á estrada nunha xira na que ademais de interpretar o xa mencionado disco, repasarán outras grandes da súa traxectoria e seguirán presentando o seu último traballo, “El Mirador”. Esta nova xira virá tamén acompañada dunha reedición de luxo do “Feast of Wire” na que inclúen un bonus track coa famosísima versión do tema “Alone Again Or” da banda “Love”, e 10 cancións máis en directo.

Calexico tamén reflexionan sobre todo o significado dun disco no que trataban o tema da inmigración ilegal desde o punto de vista dos inmigrantes, as comunidades nadas diso, creando un álbum conceptual que vai narrando unha historia que segue sendo vixente a día de hoxe. De aí a importancia que a banda lle dá ao propio disco.

A única data en Galicia para gozar do directo de Calexico será o 11 de outubro (21.00 horas) no Auditorio Mar de Vigo. As entradas xa están dispoñibles a través da web do Auditorio Mar de Vigo ou en www.teuticket.com.

Está pasando!