Nadal en Poio (Arquivo) | © Atlantis Comunicación

Chocolate, rosca, música e un espectáculo pirotécnico para dar a benvida ao prendido de Nadal en Poio

5 Decembro 2022

Cunha conta atrás e un espectáculo pirotécnico Poio celebrou na noitiña do pasado venres a chegada do Nadal, co prendido de luces. Foi un acto ao que acudiron un gran número de veciños e veciñas, así como integrantes de asociacións e persoal municipal. Tampouco faltaron os membros da Corporación local, encabezados polo alcalde, Luciano Sobral. Xa desde as 19.00 horas comezou a animación musical grazas á actuación da Charanga Mil 9. Logo da entrega de calendarios do novo ano, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), tomou a palabra para agradecer ás persoas congregadas a súa asistencia, retando ás baixas temperaturas, “para participar con nós nesta benvida do Nadal, que volve ser especial porque, logo de dous anos moi duros, volvemos empezar de cero a gozar destas datas”.

A continuación, o alcalde Sobral quixo felicitar as festas á veciñanza e agradeceu a presencia das persoas que retaron ao frío “para gozar do inicio dunhas festas tan importantes como o Nadal”. Unha vez finalizada a súa intervención, chegou o momento máis esperado: a conta atrás para acometer o prendido dos elementos que iluminarán a fachada do Consistorio e a contorna da Alameda durante estas vindeiras semanas. O acto contou cunha sorpresa: un espectáculo pirotécnico que fixo as delicias de todas e todos os alí presentes. Logo de que os e as asistentes berrasen o tradicional ‘Viva o Nadal en Poio’, e sempre baixo a tutela da animación da Charanga Mil 9, procedeuse á degustación gratuíta de rosca e chocolate quente.

Desde o pasado venres xa están operativos os elementos decorativos instalados ao longo do término municipal. Son preto de 300 elementos, entre os que non faltan arcos, adornos en luminarias en ‘photocalls’ en dous lugares emblemáticos, como son a Praza da Chousa de Combarro e a Praza do Mosteiro. As luces de Nadal permanecerán en funcionamento ata o domingo 8 de xaneiro, unha vez pasada a festividade de Reis. Esta ano redúcese o horario de prendido, sendo de 18.00 a 1.00 horas, xa que o Concello entende que o contexto actual require dun compromiso de aforro e contención. En todo caso, nas noites máxicas do Nadal, Noiteboa, Fin de Ano e Reis, as luces estarán operativas ata as catro ma madrugada do día seguinte.

Este encontro festivo tamén serviu para a gravación do tradicional vídeo de Nadal, que nos vindeiros días proxectarase na canle oficial de YouTube do Concello de Poio, ademais de ser compartido en redes sociais, a través de Facebook e Instagram.

Está pasando!