Conta atrás para o Entroido Guardés 2023

16 Febreiro 2023

  • A Alameda da Guarda será o centro das celebracións que comezan na tarde do sábado 18 e rematarán co tradicional Desfile de Comparsas, Carrozas e grupos o martes 21 
  • No Desfile participarán 4 grupos, 2 carrozas, 5 comparsas e individuais

Entre o 18 e o 21 de febreiro A Guarda acollerá os festexos de Entroido que foron pensados co espírito festivo que corresponde a estas datas e todo tipo de gustos e idades.  A música, o humor e as propostas infantís serán os ingredientes principais destas datas.

SÁBADO DE ENTROIDO, CARREIRA E CONCERTO

A programación comezará o sábado 18 ás 18:00 horas coa celebración da Carreira de Entroido, que cun pequeno percorrido de tan só 4 kilómetros está pensada para a participación de tódolos públicos. As inscricións están abertas ata o xoves a través de www.deporticket.com

Será pola noite cando comece a festa co concerto do grupo guardés ‘Castro y Los Escoltas’ ás 23:30 horas, ao que lle seguirá a sesión de sesión de DJ a cargo de Diego Wass.

Castro y Los Escoltas

Neste concerto poderemos ver e escoitar á banda guardesa liderada por Miguel Castro, membro de The Pretty Shirts que aparece agora cun proxecto mais persoal acompañado de Álvaro Vázquez (baixo e coros) e  Alexandre Boamorte (batería), integrantes tamén de bandas ben coñecidas no Sur de Pontevedra como Gold & Colt ou  Pegas Negras.

A formación ven de gravar e presentar o seu primeiro traballo en Baixo Miño Studios con Xonix Records cun  estilo musical que abrangue dende o rock clásico ata o soul e outros sons máis densos.

DOMINGO, FESTA PARA TÓDOLOS PÚBLICOS

A tarde do domingo 19 é por tradición o momento do Baile na Alameda e a  diversión en familia, polo que a programación nesta tarde ten dous ingredientes principais: De 17:00 a 18:00 horas a actuación do clásico clown O Pallaso Popín que con mais de 30 anos de experiencia abrirá a tarde cun show no que non faltarán o descaro, a desfachatez, as ocurrencias e algo de improvisación para asegurar as risas de pequenas e maiores.

E de 18:00 a 20:00 horas o concerto de Grupo Crónicas Pop que fará un repaso dos grandes éxitos do pop español dende os 80’s ata hoxe para animar á festa e ao baile a tódolos presentes.

Crónicas Pop

LUNS, MAXIA E XOGOS PARA OS MÁIS PEQUENOS

Continúa a programación o luns 20 pensando nos mais pequenos da casa cun espectáculo de Maxia, a cargo do Mago Cali, un dos magos mais destacados da escena galega que combina a maxia co humor, a realidade coa fantasía garantizando un show dinámico e divertido.

Mais como a esencia do Entroido se define pola música, tralo espectáculo a Charanga Cantos Somos continuará amenizando a festa co seu repertorio animoso e festivo ben coñecido por todos.

Charanga Cantos Somos

MARTES DE ENTROIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

O Desfile do Martes de Entroido pechará esta variada programación da man dos Grupos, Comparsas e Carrozas participantes. Como ven sendo habitual o desfile comezará ás 17:30 horas na rúa Porto Rico, continuando por Rúa Galicia ata Rosalía de Castro e Alameda.

Este desfile será acompañado pola batucada viguesa Bate no Cobre quen ao remate do desfile continuará amenizando a festa na Alameda.

NOTA: O recinto da Alameda contará con Carpa polo que a programación non sufrirá cambios en caso de choiva. Non obstante, en caso de choiva para o Martes, o desfile sí sería aprazado a fin de semana en función da previsión mais favorable.


Está pasando!