De Ste Xeito Producións achega este domingo a Sanxenxo a comedia machirula ‘Señores’

24 Setembro 2026

O domingo 27 de setembro De Ste Xeito Producións presentará no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo a súa nova peza teatral ‘Señores’, unha comedia machirula.

Este evento conta coa colaboración do Concello de Sanxenxo e a Deputación de Pontevedra baixo o programa cultural +Escénicas.

‘Señores’ é unha comedia feminista protagonizada por un elenco de talentosas actrices que inclúe a Ana San Fernando, Nadia Doménech, Stephy Llaryora e Pepa Barreiro. Doutra banda, a dramaturxia e dirección da obra está a cargo de Sergio Macías.

O deseño do espazo escénico é obra de Carlos Alonso, mentres que a iluminación é deseñada por Jorge Ramos. As coreografías son creadas por Stephy Llaryora.

Ademais a banda sonora conta coa participación de Venga, Bea como cantante e Xabi Piñeiro como compositor da letra e música. As fotografías da peza foron realizadas por Tere Freiría e Juan Ramilo.

SINOPSE DE ‘SEÑORES’:

Cecilia, Celia e Lea son irmás e non poden ser máis distintas. As súas vidas, traballos e relacións están moi afastadas entre si. Aparentemente non teñen nada que ver, senón fose porque son trixéminas trivitelinas concibidas durante unha noite de liberación sexual a finais dos anos setenta.

Un día reciben a chamada de Carmen, a súa nai, para acudir á casa familiar de Cabo Home durante a noite de San Xoán.

‘Señores’ é a historia dun reencontro entre catro mulleres e fala das cousas que viviron, as que esperan vivir, os medos, os rancores e alegrías. Fala tamén de homes, señores que din, que opinan, que cuestionan, que critican, que se alian ou que acosan.

‘Señores’ é unha comedia que fala de irmás, de nais e fillas e de noites máxicas. Unha comedia feminista onde hai mulleres que fan de homes que din o que deben facer as mulleres.

Entradas anticipadas a 5 euros (máis gastos de xestión) á venda en Ataquilla.com.

Está pasando!