Inauguración de ‘Desde o Ruralismo ao Solo Color’ | © Concello de Poio

Diego de Giráldez celebra 40 anos expoñendo no Mosteiro de Poio

31 Xullo 2024

O artista Diego de Giráldez inaugurou a súa exposición ‘Desde o Ruralismo ao Solo color’, coa que celebra catro décadas amosando a súa obra no Mosteiro de Poio, e que contou coa asistencia do alcalde de Poio, Ángel Moldes, e do deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela.

Deste xeito, De Giráldez retorna un ano máis a Poio, consolidando así unha proposta cultural e artística que xa é todo un clásico no período estival dentro do templo poiense. Nesta liña, Ángel Moldes subliñou que “leva toda unha vida compartindo o seu talento e o seu arte coa veciñanza de Poio, así que podemos consideralo xa como parte importante do noso concello”.


Inauguración da exposición de ‘Desde o Ruralismo ao Solo Color’ | © Concello de Poio

Cómpre lembrar que De Giráldez é o impulsor do movemento ‘NAS’ (Naturalismo, Abstracción e Surrealismo) e na súa traxectoria destacan as coleccións levadas a máis de 150 museos repartidos por todo o mundo.

A mostra está formada por máis de 20 pinturas e varias esculturas, elaboradas ao longo de diferentes da ampla traxectoria de Diego de Giráldez. Desde o ano 1984, De Giráldez non falta á súa cita con Poio e agradece a colaboración e a acollida que lle dispensan tanto desde o Mosteiro como por parte do Concello.

Está pasando!