‘O raro é que bailar sexa raro’ | © J. C. Arevalo

Esta fin de semana a Sala Ártika acolle o espectáculo ‘O raro é que bailar sexa raro’ da compañía Vacaburra

13 Decembro 2023

O sábado 16 e domingo 17 de decembro ás 20:00 horas, a compañía Vacaburra porá en escena na Sala Ártika a peza ‘O raro é que bailar sexa raro’, un espectáculo de 50 minutos de duración recomendado para maiores de 14 anos.

Esta creación entende a danza como algo contaxioso e convida a bailar nun espazo no que tódolos corpos son posibles.

Bailar é perigoso, ameaza o sistema, complica a situación. A danza incomoda, afecta, descoloca e complexiza os modos de estar hexemónicos.



A danza, contaxiosa e invasiva, desestabiliza as lóxicas da palabra, ameaza a linguaxe normativa. Bailar pode ser unha epidemia. Esta bailarina non ten trucos de maxia preparados. O seu material coreográfico é basto e ás veces incomprensible, fracasa nos xiros coa perna esquerda. Esta bailarina nunca quixo ser Giselle.

Con todas e todos nos: un corpo en rebelión, atravesado, sublevado, a bailarina non normativa, a bailarina faquir, a taumaturga, a subalterna. Formas de estar que complican. Estratexias da invisibilidade activa ou identidades disidentes. Vida atravesada. Ficción bastarda. Capacidade para imaxinar. Divagación dificultosa con aparencia de profundidade.

Esta é unha peza autobiográfica sen biografía, unha trampa ao ollo, unha coreografía maraña, un engano narrativo: coreo-biografía-pirata. Isto vai de bailar bailando.

Entradas anticipadas á venda en artikavigo.com

Está pasando!