Presentación da campaña ‘Qué é un comercio’ | Concello de Marín

Estrela de Marín presenta ‘Que é un comercio’, unha campaña extraordinaria que pon en valor todo o que representa o comercio de proximidade

1 Outubro 2026

  • Durante 17 días Estrela de Marín quere mirar o comercio local doutro xeito: descubrir todo o que hai detrás dunha persiana aberta, dun escaparate iluminado e dunha persoa que cada día aposta por Marín.
  • Un comercio é moito máis ca un lugar onde mercar. É proximidade, confianza e vida de vila.

Do 1 ao 17 de outubro, o Centro Comercial Local Estrela de Marín desenvolve ‘Que é un comercio’, unha campaña extraordinaria que une comercio, fidelización, educación, cultura, música e participación cidadá.

O Centro Comercial Local marinense quere poñer en valor todo o que representa o comercio de proximidade: atención cercana, confianza, emprego, dinamización das rúas, identidade e futuro para Marín. Toda a campaña estará protagonizada por ‘Estrelín’, a mascota do comercio local de Marín.

Desde o xoves 1 de outubro, acumula puntos coas túas compras e cámbiaos polos agasallos exclusivos da campaña. Preto de 70 establecementos converterán os seus escaparates, en espazos para lembrar por que o comercio local é fundamental para a vida dunha vila.

A BANDA SONORA DA CAMPAÑA | ESTRELÍN TAMÉN EN CANCIÓN

A campaña ‘Que é un comercio’ terá tamén a súa propia banda sonora coa presentación de ‘Estrelín’, un novo tema musical pensado para conectar con todo o público familiar.

Unha proposta fresca, vitalista e interxeracional que mestura música, teatralidade, enerxía e tenrura, cunha melodía e uns coros pegadizos que convidan a cantar e bailar.

A canción reinventa o cha-cha-chá cunha sonoridade actual e reivindica a ilusión, a empatía, a amizade e a conexión coa familia, coa contorna e co tecido local que sostén as nosas vilas.

Xoves 1 de outubro

  • Presentación oficial da campaña e do videoclip de ‘Estrelín’

Venres 2 de outubro

  • O tema estará dispoñible en Spotify e nas principais plataformas dixitais

AS TÚAS COMPRAS TEÑEN PREMIO

Desde o 1 de outubro, compra nos establecementos participantes, acumula puntos e cámbiaos polos agasallos exclusivos de ‘Que é un comercio’.

ESTRELÍN RECIBE AOS ESCOLARES

O mércores 14 de outubro, preto de 500 escolares poderán coñecer a ‘Estrelín’ nunha actividade especial pensada para achegar ás novas xeracións os valores do comercio local.

A música terá tamén un papel protagonista. ‘Estrelín’ converterase na peza central dun novo espectáculo que se estreará ese mesmo día no Auditorio Municipal de Marín.

Estrelín subirá ao escenario e interactuará en directo con Josito Porto e Noa Antepazo, combinando música, teatro, participación e moitas sorpresas.

Porque aprender que significa un comercio tamén é aprender como se constrúe unha vila máis viva.

O GRAN BROCHE FINAL | ‘A NENA QUE QUERÍA NAVEGAR’, DE REDRUM TEATRO

O sábado 17 de outubro, o Auditorio de Marín acollerá unha tarde moi especial en familia como peche da campaña extraordinaria ‘Que é un comercio’.

‘A nena que quería navegar’ é un espectáculo familiar de Redrum Teatro cheo de emoción, humor e valores como a autoestima, a confianza, a diversidade e a importancia de perseguir os nosos soños.

  • 18:00 h. Apertura de portas
  • 18:30 h. Actividades con Estrelín
  • 19:00 h. Inicio da función

As entradas son gratuítas e exclusivas para clientes do Club de Fidelización Comercio de Marín.

É necesaria reserva previa a través de Ticketrona e estarán dispoñibles ata completar aforo.

A selección dos asentos realizarase por orde de chegada ao Auditorio.

Está pasando!