Concerto de Oliva Trío no Antigo Forno do Cal de Vilaboa

sáb17xuñ19:00sáb23:50Concerto de Oliva Trío no Antigo Forno do Cal de Vilaboa'Música no ar'19:00 - 23:50 Concello de Vilaboa - Vilaboa

Detalles do Evento

Dentro do ciclo ‘Música no ar’ da Deputación de Pontevedra, o Antigo Forno do Cal de Vilaboa acollerá un concerto a cargo do trío de canas formado por Laura Jiménez (fagot), Cecilia Castro (óboe), Virginia Lis (clarinete).

O trío de canas, como formación instrumental, é relativamente novo, xa que apenas ten un século de existencia. O trío de óboe, clarinete e fagot xurdiu na década de 1920, e o seu punto en común é que todos os instrumentos producen o son a través dunha lingüeta, xa sexa simple coma a do clarinete ou dobre coma a do óboe e o fagot.

A xénese prodúcese grazas á formación do Trio d’Anches de París, polo que non é de estrañar que os primeiros compositores en atreverse con esta formación sexan franceses, e que tanto Ibert como Françaix lle dedicasen as súas composicións.

A obra de Canteloube é un encargo do goberno francés pedindo que recollese os seus temas sobre o folclore de Auvergne. O Oliva Trío é froito das inquietudes concertísticas de tres profesoras unidas pola cidade de Vigo. Desta maneira, o seu nome fai referencia ao froito da oliveira, símbolo da cidade.


‘MÚSICA NO AR’

Pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos, espazos protexidos cheos de maxia e historia… e a mellor música de cámara nunhas experiencias únicas!

Co fin de promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todas e todos, alén de poñer en valor espazos de memoria, arte e identidade, naceu ‘Música no ar’, unha iniciativa coa que a Deputación de Pontevedra achegou a música clásica a todo o territorio.

Cuartetos, tríos e dúos de música de cámara con repertorios desde o clásico ao contemporáneo deleitaron a público de todas as idades ao longo da nosa cartografía provincial. Catro edicións despois, ‘Música no ar’ seguirá a apoiar a renovación deste programa que tan bos momentos nos fixo sentir, e aposta por unha nova tempada onde a música instrumental, a voz e a danza volverán xerar sinerxías en perfecta simbiose co patrimonio.

Este 2023 aposta pola accesibilidade e inclusión para que todas e todos poidan gozar a experiencia da música clásica!

Que soe de novo a música no ar!

  • Castelo de Soutomaior, Castelo de Sobroso e Pazo de Quinteiro da Cruz: inscrición previa en participa.cultura@depo.es
  • O resto: entrada libre ata completar aforo

UNHA APOSTA POLA DEMOCRATIZACIÓN DA MÚSICA CLÁSICA

EXPERIENCIAS ÚNICAS

Ademais, este ano propoñemos como novidade a celebración de 2 ou 3 concertos que inclúen dispositivos tecnolóxicos que lles permitan ás persoas xordas ou con dificultades auditivas vivir a experiencia dun concerto de música clásica en directo. Tamén incluímos algunha proposta especial, que mestura música e danza, música e voz e… curiosamente, música e silencio, a un mesmo tempo, permitíndolle ao público experimentar a música desde todos os sentidos, e sentir o lugar dun xeito diferente.

MÚSICA ACCESIBLE E INCLUSIVA

E, na aposta por dar visibilidade a profesionais do noso territorio cuxo talento é recoñecido en moitos lugares máis alá da nosa fronteira, engadimos intérpretes, virtuosas e virtuosos da nosa terra, ensembles moi recoñecidos, e proxectos das grandes orquestras da provincia, e facemos fincapé no protagonismo das mulleres, nunha selección a prol da igualdade un ano máis.

A maiores do concerto de Soutomaior, que xa incorpora auriculares que poden graduar o volume (o que facilita a experiencia para as persoas con déficit de audición), propoñemos este ano como novidade incorporar en 2 ou 3 concertos do ciclo (escolleranse aqueles que poidan funcionar mellor polas súas característica acústicas) mochilas vibratorias para facer da música unha experiencia accesible, convidar a algunha asociación de persoas con discapacidade auditiva, e, con algúns exemplares en aluguer, contar cun técnico especialista que explique ao comezo, brevemente, en que consiste esta tecnoloxía.

MOCHILAS VIBRATORIAS (4 ou 5 unidades)

É un sistema de vibración dentro dunha mochila que se lle pon a unha persoa. A mochila vibrará coas frecuencias graves e subgraves do son que estean a recibir. O sistema inclúe un transmisor FM conectado ao audio que se queira transmitir para enviarlle o sinal a cada mochila sen necesidade de fíos. Estase probando en experiencias de teatro, música e cinema, como medio para facer accesible a cultura a persoas con discapacidade auditiva.

Hora

(Sábado) 19:00 - 23:50

Localización

Concello de Vilaboa

Está pasando!