'Contos e países. Historias que viaxan'

ven22abrConsultarmér15xuñ'Contos e países. Historias que viaxan'exposición na sede da Deputación en Vigo(Consultar) Sede de Vigo. Deputación de Pontevedra - Vigo

Detalles do Evento

Do 22 de abril ao 15 de xuño, a Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle a exposición ‘Contos e países. Historias que viaxan’, comisariada por Silvia García.

Un percorrido pola historia da literatura infantil no que se inclúen as referencias ineludibles aos contos clásicos coma os de Andersen ou Perrault.

As historias viaxan coas persoas e a humanidade tivo que desprazarse por razóns comerciais, a causa das guerras ou polo empobrecemento repentino debido ás malas colleitas e ás inundacións… As historias viaxaron coas persoas, de oriente a occidente, de sur a norte, foron traducidas, reformadas e suavizadas ata chegar a nós. É preciso fomentar a apreciación dese rico patrimonio cada vez máis eclipsado polo veloz consumo que impoñen as pantallas.

As historias viaxaron e foron transformándose; como narracións orais, foron relatos moi importantes nas distintas culturas. Na nosa sociedade os contos pasaron a asociarse á etapa infantil, aos contos que liamos antes de durmir, pero iso ocorreu hai poucos séculos; antes as historias contábanse (para as persoas adultas e a rapazada) ao acabar os traballos, nas reunións, nas fiadas… Os cambios sociais e educativos que implicou a ilustración no século mudaron completamente a visión que a sociedade tiña da infancia e comezou a crearse un corpus de adaptacións para as nenas e os nenos de historias que en principio non estaban pensadas para eles.

Esta exposición organizouse con criterios didácticos, non historicistas; así, trátase dun percorrido pola historia da literatura infantil no que se inclúen as referencias ineludibles aos contos clásicos coma os de Andersen ou Perrault.

Nunha das vitrinas abordaranse as cuestións de xénero a través dos libros con historias dirixidas á educación das nenas e e especialmente a docilidade e o modelo de nenas boas e caladas que se inculcaba na etapa franquista. Ao lado estará o contrarrelato, as historias de nenas independentes e bastante rebeldes coma Pipi Mediaslongas, Matonkikí ou Alicia no país das marabillas, no cal se incide nas convencións e nos protocolos sociais e en como darlles a volta.

Noutra das seccións veremos como os libros reflicten as relacións históricas coloniais do Imperio británico, das colonias holandesas e dos distintos países africanos.

Así mesmo, amosaremos a través de traducións a relación da literatura española e galega con outros países, coma a de Galicia con Cuba a través das historias de Anisia Miranda.

Inauguración: venres 22 de abril ás 19:00 horas. Confirmación de asistencia en participa.cultura@depo.gal

A inauguración contará coa actuación da contacontos Atenea García.

VISITAS DIDÁCTICAS

Como complemento á exposición, levaranse a cabo unha serie de visitas didácticas concertadas, dirixidas principalmente a escolares, que teñen como obxectivo achegarlles ás persoas visitantes á construción e difusión dos contos e as súas implicacións políticas, sociais e culturais. A partir dun formato distendido que engloba dinámicas e prácticas participativas, exploraremos como viaxan as historias e descubriremos a capacidade dos contos para revisar temas como a igualdade, as tradicións ou os patróns de comportamento.

*As visitas didácticas a cargo de Sara Donoso, serán ofertadas e concertadas dende o Servizo de Cultura.

Hora

Abril 22 (Venres) - Xuño 15 (Mércores)

Localización

Sede de Vigo. Deputación de Pontevedra

Rúa Eduardo Chao, 17, 36202 Vigo

Está pasando!