Exposición ‘A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación’ en Marín

ven30outConsultarlun30novExposición ‘A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación’ en MarínFundación Terra Termarum Castrolandín(Consultar) Museo Manuel Torres - Marín

Detalles do Evento

O Museo Municipal Manuel Torres acolle desde o pasado 30 de outubro a exposición ‘A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación’, unha mostra que permite achegarse á cultura material dos antigos habitantes dos castros galegos a través dunha colección de reproducións de pezas cerámicas procedentes de 30 xacementos arqueolóxicos de toda Galicia.

A exposición chega a Marín da man da Fundación Terra Termarum Castrolandín, no marco do programa ‘Trazas de Pontevedra’, impulsado pola Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas, e poderá visitarse ata o próximo 30 de novembro.

Entre as pezas expostas atópase unha reprodución procedente do Castro da Subidá, o que permite establecer unha conexión directa entre o patrimonio arqueolóxico marinense e o conxunto da cultura castrexa de Galicia.

Pezas da exposición ‘A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación’ | Concello de Marín

UN PROXECTO DE INVESTIGACIÓN QUE NACEU EN 2005

A orixe desta exposición remóntase ao ano 2005, cando a Fundación Terra Termarum Castrolandín iniciou un proxecto de investigación e recuperación da cerámica castrexa a partir dos restos atopados nas escavacións arqueolóxicas do Castro de Castrolandín, en Cuntis.

O obxectivo inicial era estudar as técnicas, formas, decoracións e procesos de elaboración das pezas cerámicas empregadas durante a Idade do Ferro, para poder reproducilas mediante técnicas de arqueoloxía experimental.

En 2011, o proxecto ampliou o seu ámbito de estudo ao conxunto de Galicia, dando lugar a unha investigación que permitiu recuperar unha colección representativa da cerámica dos principais asentamentos castrexos da comunidade.

A mostra, que inicialmente abranguía pezas de 24 xacementos, foi incorporando novos exemplos ata reunir reproducións procedentes de 30 enclaves arqueolóxicos.

HORARIOS DE VISITA

A exposición ‘A cerámica castrexa en Galicia: investigación e recuperación‘ poderá visitarse no Museo Municipal Manuel Torres ata o 30 de novembro, nos seguintes horarios:

  • De martes a venres: de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.
  • Sábados e domingos: de 11.00 a 14.00 horas.
  • Luns e festivos: pechado.

A mostra constitúe unha oportunidade para descubrir unha parte fundamental do patrimonio arqueolóxico galego, poñendo de manifesto a importancia da investigación, a artesanía e a divulgación como ferramentas para recuperar e conservar a memoria histórica do territorio.

Hora

Outubro 30 (Venres) - Novembro 30 (Luns)

Localización

Museo Manuel Torres

Avda. de Ourense, s/n 36900 Marín

Está pasando!