Exposición 'Habitar o baleiro', en Pontevedra

xov15outConsultardom10xanExposición 'Habitar o baleiro', en Pontevedrahistorias do rural que merecen ser contadas(Consultar) Café Moderno Afundación - Pontevedra

Detalles do Evento

Do 15 de outubro de 2026 ao 10 de xaneiro de 2027, o Café Moderno Afundación Pontevedra acolle ‘Habitar o baleiro’, unha exposición fotográfica que pon o foco en algo que ocorre preto de nós, pero que, adoito, pasa desapercibido: a transformación silenciosa do rural galego. O que nace, o que desaparece, o que resiste.

O proxecto naceu da man do fotógrafo Brais Lorenzo e un equipo de xornalistas formado por Claudia Morán, Alba Moledo, Sergio Pascual, Alba Rodríguez Saavedra e Lucía Abarrategui, co apoio da produtora Metrópolis.

Xuntos percorreron algunhas zonas rurais de Galicia, especialmente das provincias de Ourense e Lugo, para retratar o envellecemento e a soidade, a convivencia cos parques eólicos, o impacto da seca e os incendios, e tamén os proxectos de vida que elixen quedarse ou volver ao campo.

O resultado é unha mostra multifacética construída a partir de fotografías, audios, vídeos e textos que, en conxunto, compoñen un retrato coral e profundamente humano dun territorio en transformación.

Trátase dun traballo xornalístico recoñecido con premios como os Ortega y Gasset, Sony World Photography Awards ou Istanbul Photo Awards, entre outros, e que xa pasou polo Museo do Pobo Galego, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, o Museo Provincial de Lugo, o Museo de Castrelos de Vigo e o Museo Camilo José Cela de Padrón.

Haberá visitas guiadas os xoves 5 de novembro, 3 de decembro e 7 de xaneiro, ás 19.00 horas.

O horario de apertura ao público da exposición é de luns a venres, de 17.30 a 20.30 horas. Sábados, de 11.00 a 14.00 horas. Domingos, pechado.

Hora

Outubro 15 (Xoves) - Xaneiro 10 (Domingo)

Localización

Café Moderno Afundación

Praza de San Xosé, 3 36001 Pontevedra

Está pasando!