Presentación dos Viveiros Formativos ‘Feito co Mar’ en Bueu

mar17nov18:00Presentación dos Viveiros Formativos ‘Feito co Mar’ en BueuGALP Ría de Pontevedra 18:00 Sala Amalia Dominguez Búa - Bueu

Detalles do Evento

O GALP Ría de Pontevedra continúa coa presentación dos Viveiros Formativos de Emprendemento ‘Feito co Mar’ con dúas novas xornadas informativas en Bueu e Marín, dirixidas a todas as persoas interesadas en formarse e emprender no ámbito da transformación dos produtos pesqueiros e marisqueiros.

O primeiro encontro celebrarase en Bueu, o martes 17 de novembro ás 18:00 horas, na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa (Eduardo Vicenti, 2). A seguinte cita será en Marín, o xoves 19 de novembro ás 11:00 horas, no Obradoiro Dual de Emprego (Parque Azul, s/n).

Estas xornadas permitirán coñecer de primeira man os contidos dos Viveiros Formativos, o calendario previsto e os lugares nos que se desenvolverán. As persoas asistentes tamén poderán descubrir, a través de exemplos prácticos, o funcionamento dos Espazos de Traballo Colaborativo como modelos de emprendemento, ademais de resolver dúbidas, compartir propostas e reservar a súa praza nos programas formativos.

O programa busca fomentar o emprendemento a través da transformación dos produtos do mar, promovendo elaboracións de peixe e marisco como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos preparados, con especial atención ás prácticas artesanais.

Os Viveiros contarán con dous programas formativos, un de iniciación e outro de profesionalización, que se desenvolverán ao longo do 2027. Ambos estarán orientados á aprendizaxe práctica, á experimentación e ao acompañamento de iniciativas de emprendemento e innovación vinculadas aos recursos pesqueiros e marisqueiros.

O programa formativo

Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.

Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado. Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.

A responsable do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de ‘Daquí darredor’, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.

Un proxecto dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro

‘Feito co Mar’ é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (grupo coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.

Hora

(Martes) 18:00

Localización

Sala Amalia Dominguez Búa

Rúa Eduardo Vicenti, 2 - 36930 Bueu

Está pasando!