‘Feito co Mar’ presenta as súas oportunidades de formación e emprendemento en Bueu y Marín

11 Novembro 2026

O GALP Ría de Pontevedra continúa cos encontros informativos para presentar os Viveiros Formativos de Emprendemento ‘Feito co Mar’, que ofrecerán dous programas no 2027 centrados na transformación artesanal dos produtos do mar


O GALP Ría de Pontevedra continúa coa presentación dos Viveiros Formativos de Emprendemento ‘Feito co Mar’ con dúas novas xornadas informativas en Bueu e Marín, dirixidas a todas as persoas interesadas en formarse e emprender no ámbito da transformación dos produtos pesqueiros e marisqueiros.

O primeiro encontro celebrarase en Bueu, o martes 17 de novembro ás 18:00 horas, na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa (Eduardo Vicenti, 2). A seguinte cita será en Marín, o xoves 19 de novembro ás 11:00 horas, no Obradoiro Dual de Emprego (Parque Azul, s/n).

Estas xornadas permitirán coñecer de primeira man os contidos dos Viveiros Formativos, o calendario previsto e os lugares nos que se desenvolverán. As persoas asistentes tamén poderán descubrir, a través de exemplos prácticos, o funcionamento dos Espazos de Traballo Colaborativo como modelos de emprendemento, ademais de resolver dúbidas, compartir propostas e reservar a súa praza nos programas formativos.

O programa busca fomentar o emprendemento a través da transformación dos produtos do mar, promovendo elaboracións de peixe e marisco como conservas, salgados, afumados, adubados, desecados, patés e pratos preparados, con especial atención ás prácticas artesanais.

Os Viveiros contarán con dous programas formativos, un de iniciación e outro de profesionalización, que se desenvolverán ao longo do 2027. Ambos estarán orientados á aprendizaxe práctica, á experimentación e ao acompañamento de iniciativas de emprendemento e innovación vinculadas aos recursos pesqueiros e marisqueiros.

O programa formativo

Os Viveiros están pensados para capacitar de maneira práctica na transformación e elaboración do produto pesqueiro, facendo prototipado de propostas de produtos pesqueiros transformados e elaborados, como conservas e pratos de V gama. Co obxectivo de garantir o maior éxito das iniciativas das persoas que se acheguen aos Viveiros, facilitaranse claves para o emprendemento de maneira colaborativa.

Nos diferentes módulos que se impartan nos cursos trataranse dende cuestións relacionadas coa normativa vixente, boas prácticas, técnicas ou procesos de elaboración axeitados, ata o envasado e etiquetado. Desenvolverase tamén un traballo de titorización dirixido a persoas e colectivos que unha vez rematada a formación, precisen de apoio e asesoramento para facilitar a súa constitución como iniciativa de emprendemento.

A responsable do programa formativo será Carme Freire, que forma parte de ‘Daquí darredor’, un proxecto colaborativo para a transformación de alimentos agrícolas.

Un proxecto dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro

‘Feito co Mar’ é unha iniciativa de cooperación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) e está cofinanciada pola UE e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Os GALP participantes son: GALP Golfo Ártabro Norte (grupo coordinador), GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña Ortegal, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.

Está pasando!