Manu Lourenzo e Rosana Martínez Boullosa presentando a campaña 25N 2026 | Concello de Soutomaior

Soutomaior alza a voz contra a violencia estética coa campaña «Non me veñas con contos!»

13 Novembro 2026

O Concello impulsa unha programación que combina reflexión, participación nas rúas e obradoiros para cuestionar os canons de beleza impostos, combater a gordofobia, xerontofobia e sexismo e reivindicar a diversidade corporal


O Concello de Soutomaior presentou a súa campaña con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que este ano pon o foco na violencia estética baixo o lema «Non me veñas con contos!».

Unha iniciativa coa que o goberno local quere visibilizar unha forma de violencia moitas veces normalizada e que se manifesta a través das presións sociais, os estereotipos e os mandatos de beleza que condicionan a relación das mulleres cos seus propios corpos.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou a importancia de ampliar a mirada sobre as distintas formas nas que se exerce a violencia contra as mulleres: «Cando falamos de violencia machista tamén temos que falar da presión constante sobre os corpos, da esixencia de encaixar nun determinado modelo de beleza e dos comentarios e xuízos que tantas veces se presentan como algo normal. Non son contos nin cuestións sen importancia: son formas de violencia que afectan á autoestima, á liberdade e ao benestar das mulleres».

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, explicou que a campaña pretende «romper cos relatos que nos din como debemos ser, como debemos vestir ou que aspecto debemos ter para encaixar. Queremos reivindicar corpos libres, diversos e reais, e crear espazos nos que falar sen tabús da violencia estética, da gordofobia, xerontofobia e sexismo e das consecuencias que teñen os canons de beleza impostos».

A programación deseñada polo Concello desenvolverase ao longo das próximas semanas e combinará actividades divulgativas, intervencións artísticas e propostas participativas para achegar esta reflexión á veciñanza.

Unha programación para cuestionar os canons impostos

A primeira das actividades terá lugar o xoves 19 de novembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal Luís Seoane, coa charla-coloquio «Corpos libres, mentes sas». Baixo a pregunta «Será que a violencia estética tamén se esconde no prato?», a sesión abordará a relación entre alimentación, nutrición, saúde e canons de beleza impostos, analizando como o corpo e a comida poden converterse en ferramentas de control.

Na mesa, moderada pola xornalista Laura Fresneda, participarán Lidia Folgar, dietista e nutricionista; Claudia Bedoya, médica especialista en saúde dixestiva e inmunonutrición; e Lidia Fernández Lorenzo, técnica en nutrición. A entrada será libre ata completar o aforo.

O sábado 21 de novembro, as rúas de Soutomaior e Arcade e a praza de Talo Río converteranse no escenario de «Os contos saen á rúa», unha performance urbana na que personaxes clásicos como Branca Neves, Cincenta ou A Sereíña romperán cos moldes tradicionais para rebelarse contra os mandatos de beleza.

A actividade incluirá tamén a lectura do manifesto do 25N, nunha proposta simbólica para reivindicar o dereito de cada persoa a construír a súa propia identidade e reescribir o seu propio final.

A programación continuará cos obradoiros «Corpos libres, miradas diversas», centrados na autoestima corporal, a prevención da violencia estética e a gordofobia, xerontofobia e sexismo. Terán lugar os días 23 e 30 de novembro e 14 e 21 de decembro, en horario de 17:00 a 20:00 horas, no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). A participación será gratuíta, con inscrición en liña desde o 13 de novembro ás 9:30 horas ata o 20 de novembro, ou ata completar as prazas dispoñibles.

A campaña completarase coa intervención visual «Aquí adestran corpos libres!», que levará aos espazos públicos e deportivos do municipio unha serie de siluetas para visibilizar e reivindicar a diversidade corporal, fronte ás imposicións estéticas e aos modelos únicos de beleza.

Con esta programación, o Concello de Soutomaior quere aproveitar o 25N para abrir espazos de reflexión e diálogo, cuestionar comportamentos e mensaxes que perpetúan a violencia estética e avanzar cara a unha sociedade na que todas as persoas poidan vivir os seus corpos con liberdade, respecto e sen xuízos.

Está pasando!