Proxección de 'A Herdeira' en Pontevedra

mar12nov20:30Proxección de 'A Herdeira' en PontevedraCINECLUBE PONTEVEDRA20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 12 de novembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘A Herdeira’ (The Heiress, William Wyler, 1949, EE UU, 115 min., VOSE, Lingua orixinal: inglés), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

 Ano 1849, Nova York. Catherine Sloper (Olivia de Havilland), unha adiñeirada herdeira, tímida e inocente, namora perdidamente de Morris Townsend (Montgomery Clift), un atractivo mozo que lle pide matrimonio. Non obstante, o pai de Catherin, o cruel e despótico doutor Sloper (Ralph Richardson) oponse ao seu casamento e ameaza con desherdala.

Magnífica adaptación da novela Washington Square, de Henry James, que foi merecedora de catro premios Oscar: mellor actriz, dirección artística, vestiario e banda sonora orixinal.



Cineclube Pontevedra dedícalle o mes de novembro a un dos máis grandes e populares directores de cinema clásico de Hollywood: William Wyler (1902 -1981). Wyler, que soubo coma ninguén ensamblar o comercial e o artístico, foi un referente na experimentación coa profundidade de campo e tamén na adaptación de textos literarios ao cinema.

Proxectaranse tres obras icónicas do director, nas que dirixiu con mestría estrelas do talle de Bette Davis (A Loba), Olivia de Havilland (A herdeira) ou Audrey Hepburn e Shirley MacLaine (A calumnia), e nas que adapta obras da dramaturga Lillian Hellman (A loba, A calumnia) e de Henry James (A herdeira).

Pola súa banda, as sesións de filmoteca dos luns terán tamén unha forte compoñente literaria. Trátase de cadansúa aproximación de carácter documental a dúas importantes figuras literarias: Annie Ernaux, a gañadora do Nobel de Literatura en 2022 e unha das máis recoñecidas escritoras contemporáneas, que asina xunta o seu fillo David Os anos Super 8; e o estadounidense Wallace Stevens (1879-1955), figura fundamental da poesía en lingua inglesa do século XX, arredor da que orbita a hipnótica A Foreign Song, asinada polo cineasta galego César Souto.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!