Txabi Arnal no IV Congreso celebrado no 2022 | © Concello de Pontevevedra

V Congreso de Mediación Lectora

xov04mai17:00xov23:50V Congreso de Mediación LectoraXXIV salón do libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra17:00 - 23:50 Pazo da Cultura de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Un ano máis da man do Salón do Libro terá lugar o Congreso Internacional de Mediación Lectora que levará por título ‘Libros (tamén) para xogar’. Será nas xornadas dos xoves 20 e 27 de abril e 4 de maio no Salón de Actos do Pazo da Cultura e contará con Colombia como país convidado.

Logo de varias edicións marcadas pola pandemia nas que o evento tivo lugar cun formato en liña, recuperará o formato orixinal composto por sesión plenarias seguidas de diferentes obradoiros, co propósito de que as persoas implicadas na mediación poidan enlazar o formativo, o reflexivo e o experimental. “O profesorado demanda moito este formato que lle permite ter coñecementos prácticos de iniciativas de mediación lectora para aplicar ao seu alumnado. A programación é moi variada e moi diversa porque conta a mediación lectora dunha manera moi diversa e desde moitas perspectivas como son o videoxogo, a radio, o teatro, a arte, a narración oral, a poesía, a ilustración.

Buscamos ofrecer unha proposta variada de iniciativas prácticas para que o profesorado e futuro profesorado poidan desenvolver logo nas súas aulas”.

Entre os relatorios iniciais, sitúase a participación de Ismael Ramos (Premio Nacional de Poesía Xove 2022), quen aludirá aos seus comezos no terreo poético desde o xogo coas palabras, así como a intervención de Ana Garralón (Premio Nacional de Fomento da Lectura), quen se aproximará á visión da literatura como xogo. Á capacidade transformadora da lectura virá da man do colombiano Diego Alejandro Ruíz, mentres que Paco Veiga e Manuela Vázquez disertarán sobre os xogos nos libros desde a perspectiva da identidade e do patrimonio lúdico. Todas as súas achegas complementaranse coa intervención en liña de Francesco Tonucci, que incidirá na pertinencia e valorización do xogo.

Pola súa banda, os obradoiros permitirán explorar as relacións entre o xogo, a palabra literaria e os diferentes soportes, da man do xa citado Diego Alejandro, da tamén colombina Carolina Rueda e de Raquel Queizás. Na ensamblaxe entre a imaxe, a creatividade e o xogo internaranse Iván R. e as integrantes do grupo Paspallás, Itziar Ezquieta e Begoña Paz. Así mesmo, Esther Carrodeguas explorará a expresión teatral como xogo, Hematocrítico somerxerase na escrita divertida e Ana Garralón guiaranos na lectura dos libros informativos. O tratamento doutras linguaxes e soportes será abordado por Rede Espora, quen se centrará na radio e podcasting para a mediación lectora, e por Silvia López, quen convidará a indagar nas posibilidades dos videoxogos nas aulas. A pretendida e tan necesaria inclusión será o punto de referencia de Manuela Vázquez ao abeirarse ao xogo nos patios inclusivos e de Sonia Hermida, quen se deterá na literatura infantil e xogo.

“A proposta deste Congreso de Mediación Lectora procura formar, motivar a reflexión, espertar a creatividade, propoñer prácticas… ao redor desa lectura e libros que serven (tamén) para xogar. É unha oportunidade de seguir ensanchando e multiplicando os vieiros para que as persoas relacionadas coa mediación (persoal docente, de bibliotecas, espazos lúdicos, familias…) poidan levar a lectura e todas as experiencias que implica a uns nenos e nenas con sede de novas lecturas, vivencias, descubertas… desde o xogo, a emoción e o ludismo”.

As inscricións poden facerse desde o mércores, día 29 de marzo, ás 12:30 da mañá en www.salondolibro.gal para público en xeral e par profesorado en activo na plataforma ‘fprofe’ co código P2214002. A asignación de praza efectuarase seguindo a orde de inscrición. Unha vez que se cubran todas prazas (100), as persoas que non a obtiveron pasarán a unha lista de agarda. Este evento é impulsado e sostido polo Concello de Pontevedra, co amparo institucional da Universidade de Vigo e o apoio doutras identidades vinculadas coa Universidade de Santiago de Compostela, así como coas achegas dun nutrido comité científico conformado por persoal docente e investigador dun e doutro lado do Atlántico.


Está pasando!