Gala dos XII Premios Martín Códax da Música

mér28maiConsultarGala dos XII Premios Martín Códax da MúsicaPremios promovidos pola Asociación Músicas ao Vivo(Consultar: mércores) Auditorio do Pazo da Cultura - Pontevedra

Detalles do Evento

Os Premios Martín Códax da Música, organizados pola asociación Músicas ao Vivo, nacen en 2013 para visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia, e subliñar o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social, cultural e económico.

Ao longo desta ducia de anos de andaina, os Premios Martín Códax da Música levan actuado como ferramenta de impulso do talento musical e de voz para novos movementos que agroman no seo da comunidade artística. Recoñécense e mestúranse proxectos consagrados ou máis veteranos cos novos valores actuais. Son tamén ferramenta de reivindicación da cultura de proximidade para que bandas e artistas galegas sexan protagonistas nas programacións musicais do país.

Desde hai dous anos e coincidindo co arranque da segunda década de historia dos galardóns, as votacións abríronse ao público. O obxectivo é aumentar a participación efectiva no certame sen perder a lexitimidade que achega tanto o xurado profesional, na primeira fase de selección, como as compañeiras asociadas a Músicas ao Vivo cos seus votos.

Centos de proxectos preséntanse cada ano nas diferentes categorías dos Premios Martín Códax da Música convertendo a convocatoria nunha cita de referencia cultural e un punto de confluencia para as persoas que se dedican á música no noso país.



Ao longo destes anos, os galardóns demostraron que a súa esencia vai moito máis alá dun exercicio de reafirmación que culmina na espectacular gala anual de entrega de premios. A relevancia destes premios reside na capacidade como elemento de cohesión e como plataforma para poñer en primeiro plano todo o traballo dun sector creativo e transformador como é o da música, apoiando e potenciando a súa dignificación e profesionalización.

Nos últimos anos, máis de catrocentas candidaturas inscríbense nas quince categorías musicais que conforman os Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Nas recentes edicións foron as categorías rock e pop as que concentraron máis candidaturas; hip hop, electrónica, metal e canción de autor/a son xéneros que destacan tamén polo seu crecemento nos últmos anos. Músicas ao Vivo fixo un chamamento na presentación desta edición 2025 á comunidade musical a participar nuns galardóns cuxo obxectivo é visibilizar a diversidade creativa e estilística do país.

Desde hai tres anos ademais, a categoría extraordinaria de Artista Emerxente, é unha das máis celebradas e na que se premiou en 2022 á cantante Antía Muíño; en 2023, ao compositor e pianista Sergio de Miguel, e en 2024 á artista e compositora compostelá Gloria Pavía. Un recoñecemento para proxectar e potenciar proxectos de novos e novas artistas que, tal como explicou Sheila Patricia, ten os seguintes requerimentos: é necesario inscribirse antes nalgunha das quince categorías musicais, o proxecto non pode levar en activo máis de tres anos, non máis dun disco editado (EP ou album) co proxecto que presentan ou noutros nos que participen, e non ter premio nin ser finalista en anteriores edicións.

Ademais, os Premios Martín Códax da Música contemplan os tres galardóns Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical. Estes son, tal como sinalou a presidenta de Músicas ao Vivo, cómplices necesarios na música e parte imprescindible desa comunidade comprometida coa cultura musical galega á que os Premios Martín Códax queren dar visibilidade.

A cidade do Lérez é a anfitrioa da gala de entrega dos 12º Premios Martín Códax da Música, que terá lugar o 28 de maio, e da que a organización, sen revelar aínda os detalles, avanzou que, gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía oral tradicional.

A convocatoria vai dirixida a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo no ano 2025, agás os que xa foran premiados na anterior edición dos premios. O proceso de inscrición de proxectos estará aberto dende o 3 ao 23 de marzo do 2025.

A inscrición dos participantes será libre e gratuíta, e farase polos propios artistas, grupos, ou músicas/os integrantes do proxecto, representantes ou axencias de representación a través de premiosmartincodaxdamusica.gal

Hora

Consultar (Mércores)

Localización

Auditorio do Pazo da Cultura

Rúa Alexandre Bóveda, s/n. 36005 Pontevedra

Está pasando!