Formación e oportunidades para visibilizar a escena musical da cidade que está por chegar co Son da Serea e o Serán de Tralla

4 Xullo 2022

  • Os ciclos de actividades do Local de Música para o verán afondarán na preparación para a música ao vivo con obradoiros individuais e dúas xornadas de concertos
  • Un total de 15 bandas diferentes, en estilo, forma e compoñentes, formarán parte dalgún dos dous programas, que cristalizarán con espectáculos en directo o 14 e o 26 de xullo

O Son da Serea e o Serán da Tralla son os dous programas que o Local ten preparados e en marcha para gozar do verán e… comezan xa!

Este luns, 4 de xullo, ás 19.30 horas, será a primeira formación do Son da Serea, unha xuntanza que terá como temática a idea de como facer que un grupo funcione e como conseguir concertos. Ademais, será realizado un obradoiro práctico onde revisar todos os ángulos dun proxecto musical aplicando metodoloxías traídas do Learn Start Up, do marketing e doutros procesos de innovación e aprendizaxe.

Xa desde o 28 de xuño, o Local vén realizando formacións individuais presenciais cos grupos do Serán de Tralla, tendo dúas sesións de unha hora para preparar un concerto directo e coñecer e saber usar os medios técnicos que un ten a súa disposición.

Cómpre lembrar que, dun xeito práctico e resumido, o Serán de Tralla e a formación que inclúe a todas as bandas que ofrecerán o seu primeiro bolo ou que aínda están en etapas moi temperáns de xestación do seu proxecto. Doutra banda, o Son da Serea xa engloba a aquelas agrupacións cun traballo máis avanzado no musical, que contan con certo percorrido polo Local, e que están tentando ir un chisco máis alá.

O martes, 5 de xullo, será a segunda formación do Son da Serea, coa temática ‘O son dunha banda en directo, ecualización e rider técnico’, cunha masterclass onde serán explicados conceptos e
métodos para conseguir un bo son ao vivo, amais do propio proxecto musical.

Do 18 ao 22 de xullo, avanzando no calendario, serán celebradas as formacións presenciais de cada banda do Son da Serea. Isto se traduce en dúas horas de traballo interno coa banda ao completo para preparar os concertos e os temas técnicos.

Porén, o 14 de xullo, uns días antes, a explanada do Local de Música xa será testemuña dun dos primeiros días grandes, cos concertos de: Napalm, Tear me apart, Rubén López, Insire Name, Meloxdeath e Moreak.

Pola súa banda, o Son da Serea vivirá a súa xornada de música ao vivo, a partir das 18 horas, na Praza de Curros Enríquez, o martes, 26 de xullo, co talento de: Dalsi, Svzio XVR, Pladür, Mobb Kidz, Dabelaii, Los Fuzz Faces, North Process e Brutal.

«Se ben o Local permanerá pechado para os ensaios ao longo das vindeiras semanas, a súa activida mudará nestas formacións e na preparación e realización destes concertos. É a cristalización dese talento emerxente que temos na cidade e que queremos que forme parte dela, que veciñanza e visitantes poidan ver como soa a xente que pasa polo Local, que fan, que queren ser», explica o edil de Xuventude, Alberto Oubiña. «O obxectivo é dar oportunidades a esas bandas que comezan ou que queren dar un pasiño máis, tal e como fomos facendo ao longo dos últimos anos, onde o Local segue a ser un dos espazos máis dinamizadores e dinamizados da Boa Vila, e un referente xa non só en Pontevedra, senón no país, á hora de fomentar a actividade musical e a posibilidade de practicala en conxunto».


Está pasando!