© Concello de Poio

Lourido acollerá desde o mércores 28 de xullo unha nova edición do Festival Chalaniña

27 Xullo 2021

Malabares, música, humor, espectáculos ‘clown’ e moitas outras sorpresas serán as que ofreza unha nova edición do Festival Chalaniña, que dará comezo este mércores 28 de xullo e se prolongará ata o domingo 1 de agosto na contorna da praia de Lourido e do parque de Costa Xiráldez, na parroquia de San Salvador.

Esta iniciativa forma parte da programación estival Poio no Verán, deseñada pola Concellería de Festexos. Foi precisamente o titular deste departamento, o nacionalista Xosé Luís Martínez, o encargado de dar a coñecer os detalles desta actividade na presentación que tivo lugar en Costa Xiráldez, á que tamén asistiron as concelleiras do BNG Raquel Rodríguez e Marga Caldas.

Martínez Blanco lembrou que o Festival Chalaniña “é xa un clásico do verán no noso municipio”. Logo da estrea dentro da Festa do Mar de Combarro, o Concello apostou por engadilo no cartel do Reinicia o Verán, a iniciativa impulsada o ano pasado como fórmula alternativa ás festas tradicionais do período estival e adaptada ao novo contexto derivado da pandemia da COVID-19. Este ano, novamente, a actividade cumprirá con todas as medidas de control de aforo, hixiene e distanciamento establecidas polas autoridades sanitarias. “Ofrecemos á veciñanza e aos visitantes que se atopan en Poio gozando das súas vacacións unha oferta de lecer seguro”, garantiu o responsable de Festexos.

Todas as actuacións do Festival Chalaniña están pensadas para o goce das crianzas e para seren desfrutadas en familia, tal e como explicou o titular de Festexos, que indicou que as citas serán ás 20.00 horas, con entrada gratuíta ata completar o aforo. Peter Punk, co seu espectáculo ‘Punkdemia’, inaugurará o programa o día 28. Seguiranlle Aimar & Cía o 29, o Cirkompacto de Hells Brothers o 30, Cía Vaya o sábado 31 e o domingo 1 de agosto pechará a iniciativa o espectáculo Pajarito – Isolada. Xosé Luís Martínez explica que outro dos obxectivos que persegue este festival é impulsar a reactivación da industria cultural galega, que se viu seriamente afectada pola pandemia.

Por outra banda, o domingo 1 de agosto, ás 21.00 horas, terá lugar no parque de Costa Xiráldez o concerto a cargo do grupo Pelepau. Trátase dunha formación composta por 11 percusionistas, todos eles mestres de música de recoñecida traxectoria profesional. O seu espectáculo baséase na adaptación de cancións populares da tradición galega mediante o uso de percusións e voces. “O labor que desenvolve é moi importante, en favor da conservación da nosa cultura”, indica o concelleiro de Festexos.

Tanto o Festival Chalaniña como o concerto de Pelepau serán gratuítos.

Está pasando!