O Mago Teto chega á Guarda con ‘Rock&Magic’, un espectáculo onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock&roll

3 Agosto 2023

O Mago Teto une o seu talento ao de Fer Risco e Mon Orencio nun espectáculo que terá lugar o xoves 10 de agosto no Auditorio de San Benito da Guarda


O xoves día 10 de agosto chega á Guarda unha das citas máis agardadas deste verán, ‘Rock&Magic’, o novo show do Mago Teto, que terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de San Benito.

Rock ‘n’ Magic, dirixido por Fran Rei, é mais que un espectáculo de maxia; é un concerto de rock and roll. O Mago Teto, un dos mellores e máis populares magos do noso país, une o seu talento ao de Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra, para construír un espectáculo onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock and roll.

Aparicións sorprendentes, xogos de adiviñanzas e pequenas e grandes ilusións máxicas comparten protagonismo coa música rock. Led Zeppelin, Bob Dylan, Los Suaves e infinidade de rock stars están presentes neste espectáculo a través dunha banda en directo que son o complemento perfecto á maxia do xenial Mago Teto.

Unha gran posta en escena, unha iluminación espectacular, participación do público, humor, maxia son os elementos que fan de ‘Rock&Magic’ un espectáculo único, posiblemente a experiencia teatral máis parecida a un concerto de rock.

Está pasando!