© Le pianO du Lac

Música clásica a ritmo vibrante con ‘Le Piano du Lac’ no Lago de Castiñeiras

20 Xullo 2021

Queres ver unha actuación de piano sobre a agua? Le Piano du Lac estará no Lago de Castiñeiras os días 27, 28 e 29 de xullo, ás 20:00 horas.

A visita a Marín está dentro da xira Xacobea ‘El Camino del agua’ e suporá hora e cuarto de concerto estes tres días a cargo da pianista Violette Prevost, a multiinstrumentista Solenne Garnier, o trompetista Damien Bajard e a bailarina Mónica Cofiño.

O pedalOpiano é unha coprodución de le pianO du lac e La Xata la Rifa que, na súa itinerancia acuática, produce unha verdadeira transhumancia musical onde se mestura unha ecléctica selección musical coa inusual mecánica pianística a pedais. Un gran equipo técnico-artístico sostén o novo pedalOpiano que alberga diferentes pianistas durante a súa viaxe.

Unha plataforma sonora que trae e leva, arrolando a ritmo de pedal a artistas da Bretaña, Asturias, París- Avignon, Altos Alpes no seu tournée pola península ibérica. Música clásica a ritmo vibrante. Unha viaxe de estilos acompañado por unha cativadora tripulación que achega o seu carácter, danza e vento.

Tradición, vangarda, chanson française, músicas do mundo… que se mesturan con cantos do leste e jazz revisitado facendo que as composicións íntimas conflúan co ímpeto da percusión, a salpicadura do vento e o goce da danza sobre as ondas.

Antes de poñer rumbo a Marín, Le Piano du Lac ofrecerá a maxia do seu espectáculo na Praia Fluvial do Val en Mondariz do 21 ao 25 de xullo.

Para asistir é obrigatorio coller entrada en pianodulac.eu

O prezo das entradas é voluntario pero desde a organización lembran que é un proxecto autofinanciado e recomendan o pagamento de 10 euros ou de 15 euros como prezo colaborador.

Está pasando!