‘Nadal no Mercado’ reforza a campaña de promoción do comercio local e recupera o espírito de Sétima Feira na praza de Abastos de Pontevedra

20 Decembro 2023

A programación de ‘Nadal no Mercado’ estenderase do 27 ao 31 de decembro con concertos, obradoiros para a cativada, as badaladas, cata de viños e maridaxe, e mercadiño emerxente de produtos creativos


O Mercado de Abastos de Pontevedra xa se prepara para entrar de cheo no Nadal. A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías presentou esta mañá ‘Nadal no Mercado’, que vén a reforzar « a importancia do consumo no comercio local e poñer o acento en determinadas zonas comerciais da nosa cidade », indicaba a edil ao referirse a ‘Merca na rúa’, o outro programa de Nadal da concellaría que xa está en marcha e que está a ter «bastante boa acollida».

Nesta ocasión, ‘Nadal no Mercado’ quere « volver -ou intentar volver- a poñer o foco no Mercado de Abastos. A parte dun emprazamento público é un imprescindible nestas festas polo consumo de alimentos », adiantaba a concelleira quen recordou que «este goberno sempre acreditou na importancia desta infraestructura ou deste edificio como equipamento cultural». De feito, as actividades do Ganapán previstas para este nadal tiveron até 170 solicitudes no primeiro día que se abriron as inscricións.

‘Nadal no Mercado’ abarca do 23 ao 31 de decembro e «recuperamos o espírito co que empezamos a programar alá polo ano 2015», explicaba Anabel Gulías ao referirse a proxectos como Sétima Feira. Polo tanto, vaise desenvolver un mercadillo emerxente e creativo con 24 postos « para que a xente poida comprar os seus agasallos no mercado de abastos».

Tamén haberá unha cata de viños con maridaxe, espectáculos e obradoiros para nenos e a partir das 20.30 horas haberá música en directo a cargo de Tony Lomba, V de Maceta, Su Garrido e Flip Corale.

O domingo 31 o Mercado celebrará un obradoiro infantil ás 11.00 horas e unha festa de fin de ano a partir das 13.00 que rematará sobre as 14.00 horas coas badaladas.


Está pasando!