Novos Cinemas anuncia as 39 longametraxes que competirán no festival, con 9 estreas mundiais

26 Novembro 2024

  • Ás seccións competitivas Oficial e Latexos súmase este ano Ceres, dedicada aos centros formativos
  • O festival revela o xurado que avaliará as obras desta edición

A novena edición de Novos Cinemas – Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará do 10 ao 15 de decembro, dá coñecer as 39 longametraxes que competirán nas tres seccións do festival, Oficial, Latexos e Ceres, esta última unha nova sección competitiva que xorde este ano e vai destinada aos centros formativos.

O festival ofrecerá unha selección de 39 pezas audiovisuais, das cales 9 serán estreas mundiais, 2 estreas internacionais, 10 estreas en España e 12 estreas en Galicia.

A sección Oficial ilustra diferentes enfoques do cinema contemporáneo dentro dunha programación que explora as relacións entre a vida e a memoria, que retrata a errancia e a vagabundaxe, e que ofrece impresións sensoriais sobre a vida laboral de grupos familiares interxeneracionais.

Das nove longametraxes, catro son inéditas en España e outras catro en Galicia:

  • ‘Eastern Anthems’, de Matthew Wolkow & Jean-Jacques Martinod (Canadá, Estados Unidos, Ecuador)
  • ‘Sehhora da Serra’, de João Días (Portugal)
  • ‘No Sleep Till’, de Alexandra Simpson (Estados Unidos)
  • ‘Los Hiperbóreos’, de Cristóbal León e Joaquín Cociña (Chile)
  • ‘Un Pays Flammes’, de Mona Convert (Francia)
  • ‘Una sombra oscilante’, de Celeste Rojas (Chile, Arxentina e Francia)
  • ‘XXL’, de Kim Ekberg y Sawandi Groskind (Suecia)
  • ‘Los capítulos perdidos’, de Lorena Alvarado (Venezuela)
  • ‘The Human Hibernation’, de Anna Cornudella (España)

Fotograma de ‘The Human Hibernation’ de Anna Cornudella

A sección Latexos, que adoita concentrar ás películas máis transgresoras, proxectará catro filmes que afondan en temas como o imaxinario feminino, o pasado ou a transformación que ameaza os barrios das nosas urbes.

  • ‘Las Galaxias’, de Guillermina Pico (Arxentina)
  • ‘Los Reinos’, de Manuel Muñoz (Arxentina)
  • ‘Ulyses’, de Hikaru Uwagawa (Xapón)
  • ‘Mitología de barrio’, do colectivo Espirituescalera (España)

Ceres nace como unha nova sección competitiva, dedicada aos centros de ensino e formación cinematográfica e audiovisual de España e Portugal. Presentará catro curtametraxes que exploran diversas tendencias do cinema contemporáneo. As obras seleccionadas son:

  • ‘Al mirar a lo lejos’ (Marta Lara Pérez – LAV, Madrid)
  • ‘Gralla’ (Rebeca Tella, Daniel Filloy – Uvigo, Facultade de Comunicación, Pontevedra),
  • ‘Rostos de casa’ (Sofia Afonso, Casa das Artes – Universidade Católica Portuguesa, Porto)
  • ‘Configuración de un umbral’ (Paolo Natale, Daniel Rodríguez, Sandra del Moral Abolafia – ECAM, Madrid).


O festival desvela tamén hoxe as persoas integrantes dos xurados que outorgarán os premios do festival.

O Xurado Internacional está formado por Adrián Canoura, creador que explora a hibridación entre o documental e a ficción; Daniel Maciel, codirector dos festivais Encontros de Cinema de Viana e MDOC – Festival Internacional de Documentário de Melgaço; e Vanessa Badaglaccia, historiadora da arte e colaboradora do Festival FILMADRID na sección SMART7, rede de festivais europeos que destaca novas voces cinematográficas.

O Xurado Latexos. Iria Silvosa, directora, montadora e pedagoga audiovisual, colaboradora da cooperativa NUMAX (Santiago de Compostela), Sergio Casteleiro, crítico cinematográfico, programador e colaborador de DUPLEX Cinema (Ferrol), e Javier Pachón, consultor estratéxico para o sector audiovisual e cultural, vicepresidente de PROMIO -rede nacional de cinemas independentes- e responsable de Programación y Desenvolvemento de CineCiutat (Palma de Mallorca).

O Xurado da Crítica está formado por Emilio Luna, crítico e editor da revista EAM, referente do cinema independente en fala hispana, Mariana Freijomil, crítica e docente na Universitat Oberta de Catalunya (UOC), e Xabier Montoriol, crítico para medios como A Cuarta Parede ou Muelle5, do que é cofundador.

O Xurado Novo inclúe a Eva Lago, Zaira Pérez e Noa Pichel, estudantes da Universidade de Vigo.

O Xurado Ceres fórmano Rosa Taboada, produtora fotógrafa e cineasta en representación de Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Fon Cortizo, guionista e cineasta, en representación de Crea (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) e Sol Alonso, docente, investigadora e creadora audiovisual en representación da UVigo.

Como novidade desta edición, os galardóns entregaranse nun acto aberto ao público que terá lugar o sábado 14 de decembro na sala Zenet de Pontevedra. O festival despedirase ao día seguinte coa proxección da película de clausura ‘Sepáraste moito’, da directora Paula Veleiro.

As persoas interesadas en asistir ao festival poden adquirir desde hoxe os abonos cegos e, a partir do luns 2 de decembro, estarán dispoñibles os abonos regulares e as entradas individuais. Todas as compras están dispoñibles en liña a través da plataforma Ataquilla.com.

O festival Novos Cinemas, organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co apoio e financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA.

Está pasando!