O Campiño de Santa María acollerá a terceira edición do Concurso Tortilleiro de Pinto e Maragota

23 Outubro 2024

A cita lúdico-culinaria, que tivo que ser adiada por mor do mal tempo, será o domingo 27 e porá o ramo aos vermús 2024 do programa municipal pola diversidade sexual e de xénero


O Campiño de Santa María acollerá, o vindeiro domingo 27 de outubro, ás 13.30 horas, o III Concurso Tortilleiro de Pinto e Maragota, o programa municipal pola diversidade sexual e de xénero que promove a Concellería de Igualdade de Pontevedra, dirixida por Anabel Gulías. A cita —que fora adiada o pasado 6 a causa das previsións do tempo— porá o ramo aos vermús tortilleiros 2024, unha actividade de lecer, musical, literaria e gastronómica xa consolidada na cidade.

As persoas interesadas en participar no concurso terán que se inscribir antes das 17.00 horas do sábado 26 de outubro, a través do enderezo electrónico info@pintoemaragota.gal

O concurso ten dúas categorías: a mellor tortilla tradicional, feita necesariamente con patacas, ovos, aceite, sal e cebola (opcional) e a tortilla queer, de ingredientes libres. O xurado cualificador estará integrado por representantes da hostalaría local, de Pinto e Maragota e de AVANTE LGBTPontevedra.

A mellor tortilla tradicional terá como premio un xantar ou cea para dúas persoas no restaurante Gumer e a mellor tortilla queer, un brunch privado “especial Pinto e Maragota” no espazo gastronómico Vía Nai.


Está pasando!