Raquel Rodríguez e Marga Caldas na presentación do documental ‘20 anos de dignidade’ | © Concello de Poio

O Casal de Ferreirós proxectará o vindeiro 27 de xaneiro o documental ’20 anos de dignidade’ sobre o afundimento do Prestige

22 Xaneiro 2023

A concelleira de Cultura, Educación, Dinamización Lingüística e Memoria Histórica, a nacionalista Raquel Rodríguez, informa de que o Casal de Ferreirós acollerá o vindeiro 27 de xaneiro, venres, a proxección do documental ‘20 anos de dignidade’. Trátase dunha peza audiovisual que analiza o desastre ecolóxico que supuxo o afundimento do Prestige, unha catástrofe medioambiental que tivo lugar en novembro de 2022 e do que recentemente se cumpriron dúas décadas. A cita terá lugar a partir das 20.30 horas e será de entrada libre.

A actividade organízase en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Plataforma Nunca Máis. A obra está dirixida polo director pontevedrés Xosé Manuel Aragunde, ten unha duración de 45 minutos e inclúe, ademais de imaxes do afundimento, testemuñas e entrevistas de persoas da sociedade que viviron aquela terrible experiencia moi de preto, como foron os sectores máis afectados pola catástrofe, como a xente do mar, así como os voluntarios e voluntarias que non dubidaron en sumarase activamente ás tarefas retirada do fuel, xunto aos profesionais do mar e do marisqueo, en moitas ocasións sen contar con apenas medios.

A iniciativa organízase a través da Concellería de Memoria Histórica e enmárcase tamén nunha semana moi especial, xa que o 26 de xaneiro é cando se conmemora o Día Internacional do Medio Ambiente. Raquel Rodríguez salienta a importancia de dar visibilidade a este documental, xa que “recolle a que sen dúbida foi a maior catástrofe medioambiental na historia do país” e que se cebou especialmente coas rías da provincia de Pontevedra. A edil do BNG incide, asemade, na necesidade de que estes feitos sexan coñecidos polas novas xeracións, para que “cobren conciencia” das graves consecuencias do sucedido e da importancia de preservar a contorna.

Está pasando!