O Concello de Bueu conmemora este sábado o Día Mundial do Alzheimer no Estaleiro de Purro

20 Setembro 2023

  • Ás 11 horas haberá dúas charlas sobre esta doenza, e a continuación convídase ás persoas asistentes a compartir lecturas que teñan na memoria
  • Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, salienta a colaboración dos centros de día da vila, que durante todo o ano levan a cabo un gran traballo a prol da memoria

O Concello de Bueu, a través da concellaría de benestar social e igualdade, organiza o próximo sábado 23 de setembro, unha serie de actos para conmemorar o Día do Alzheimer. Baixo o lema de “Na miña memoria”, o Estaleiro de Purro, na Banda do Río, será o escenario elixido para esa data, na que se contará coa participación activa dos dous centros de día da vila, Contigo e Pescadoira.

Os actos comezarán ás 11 horas con dúas charlas sobre esta doenza destinadas a familiares e persoas interesadas en saber máis sobre como afrontala. A primeira delas contará coa participación de Sonia Currás Fontán e Leticia Fernández Landín, psicóloga e educadora social do Centro de Día Contigo, e titúlase “Centro de Día: un recurso socioterapéutico de proximidade”; e a continuación haberá outra da man do Centro de Día Pescadoira, “O Centro de Día como Banco de Recordos”, na que intervirán Sara Puente Blanco e Yanira León Corredor, psicóloga e traballadora social do centro respectivamente.

A partir das 12 horas está programada unha lectura pública na que as persoas asistentes poderán ler unha poesía ou un fragmento de calquera texto que lles veña á memoria. O que se pretende, segundo explica a concelleira Laura Ogando, é “facer memoria, lembrar aquelas cancións, poesías, refráns ou textos que nos veñan á cabeza ou que gardemos no recordo”. Nestas actividades contarase coa participación activa dos usuarios e usuarias dos centros de día da vila, pero tamén se convida á veciñanza para que se achegue ao Estaleiro para ler un texto.

Por motivos de organización, agradécese inscrición previa no enderezo electrónico concello@concellodebueu.gal


Está pasando!