O Concello de Pontevedra pon a disposición dos Reis Magos o Recinto Feiral perante as malas previsións meteorolóxicas

4 Xaneiro 2022

Malia que os Reis Magos contan con poder manter a choiva afastada durante a xornada do 5 de xaneiro, polo si ou polo non, e tendo en conta que a montaxe ocupará boa parte do día de hoxe —que si conta cunha previsión meteorolóxica desfavorábel—, o Concello de Pontevedra acordou cos Reis trasladar a cabalgata estática prevista na Praza do Concello para mañá até o Recinto Feiral.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, lembrou esta mañá que o Recinto Feiral é unha instalación municipal de gran tamaño, con moitísima capacidade e «na que se poden manter unhas condicións de ventilación óptimas como se fose unha carpa aberta».

As portas para a recepción serán abertas ás 11 horas, e permanecerán abertas até ás 14 horas, para logo volver abrir en horario de 16 a 20 horas. Nese intre serán pechadas as filas, mais todo os nenos e nenas que cheguen antes e aínda sigan na cola serán atendidos e poderán ver os Reis. A entrada estará situada no portón máis próximo á avenida de Compostela, desde onde poderá ser percorrido todo o Recinto Feiral e ver as carrozas cos Reis para logo saír pola última porta lateral do espazo, facendo todo un percorrido interior. As ringleiras de xente deberán agardar fóra, seguindo as medidas e instrucións para manteren unha orde.

Doutra banda, a animación prevista pola rúa tamén estará presente neste espazo, tanto dentro como fóra para así facer máis amábel a espera. Algúns grupos de animación tamén percorrerán as rúas da cidade para achegar o ambiente festivo a toda a veciñanza, lembrando que a noite do 5 de xaneiro boa parte dos fogares agardan unha visita máis que especial.

Está pasando!