O Concello de Pontevedra volve a abrir Santa Clara e organiza visitas guiadas para a veciñanza do rural

28 Marzo 2023

As visitas serán do 14 ao 16 de abril e as persoas interesadas deberán inscribirse dirixíndose ás asociacións de veciños de cada parroquia


O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda informou que o Concello de Pontevedra volve a organizar visitas guiadas aos baixos do convento de Santa Clara, nesta ocasión dirixidas á veciñanza das 15 parroquias do rural pontevedrés. Serán entre o 14 e o 16 de abril, e as persoas interesadas deberán dirixirse ás asociacións de veciños das parroquias para inscribirse.

Xaquín Moreda explicou que neste ano de compra visitaron o convento arredor de 17.000 persoas, pero a pesar destas visitas teñen chegado ao Concello peticións de distintas asociacións das parroquias do rural para abrir novas quendas. Dado que o propósito do Concello segue sendo amosar as riquezas e os últimos achados de Santa Clara, volve a abrir as portas e o fará sempre que exista demanda e até que comecen as obras de rehabilitación do conxunto arquitectónico.

As visitas serán o día 14 de abril pola tarde, e o sábado e domingo 15 e 16 de abril dende as 09.30 ás 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Son arredor de 33 visitas cun cupo dunhas 30 persoas por quenda, é dicir, arredor de 1.000 persoas.

A visita comezará coa recepción na igrexa do Convento para saír pola porta de carros para entrar nos baixos do convento e ver as intervencións arqueolóxicas. Están guiadas polos mesmos arqueólogos e arqueólogas que participaron nos traballos de investigación dirixidos pola Deputación provincial.

Está pasando!