O «contrafestival» Surfing the Lérez arranca mañá en Pontevedra cun cartel 100% galego

22 Xuño 2022

  • Corenta artistas e grupos da comunidade pasarán polos tres escenarios ubicados na Illa das Esculturas
  • O Surfing estrea formato con 3 días de concertos. A entrada é de balde se ben pódese contribuír cunha entrega de alimentos
  • A xornada inaugural do xoves contará coas actuacións de Ortiga, Budiño, Carlangas, Wygga, Ariezzz ou YNGZ, entre outros

«O Surfing the Lérez é este ano o contrafestival», proclama Marcos Rivas, organizador do evento. E basea a súa definición no feito de que, a diferencia de outros eventos musicais de este estilo, o Surfing contará este ano cun cartel composto ao 100% por músicos e grupos galegos.

Tras dous anos de parón, o festival pontevedrés retorna á Illa das Esculturas con varias novidades. A primeira, a xa sinalada de que todos os artistas sexan da comunidade. Ademais amplía a unha terceira data a súa celebración. O festival comezará o xoves 23 e rematará o sábado 25.

A entrada, coma sempre, será de balde, se ben os asistentes poden colaborar facendo na entrada unha achega voluntaria e solidaria de alimentos que serán entregados a redeaxuda.com.

O Surfing the Lérez diversifica este ano a súa proposta, abrindo os seus escenarios a estilos e artistas emerxentes que convivirán con algúns dos nomes senlleiros da música galega. A xornada do xoves, explica Marcos Rivas, está principalmente adicada «ao rollo máis urbano: ao reguetón, ao trap…».

A do venres «representa máis a tradición do que foi o Surfing», cun grande peso das propostas orientadas cara o rock and roll. ˝É unha mostra do que se fixo e do que se está a facer agora mesmo en Galicia».

O festival remata o sábado, en palabras do seu organizador, «cunha representación do que é a nova xeración musical galega, con propostas que van do rock ao garaxe, do rap ao trap».

Presenza pontevedresa

O Surfing de Lérez 2022 presta unha especial aos artistas pontevedreses. Serán moitos os que nestes tres días pasen pola Illa das Esculturas. Entre eles, os alumnos da Escola Bonobo, que o sábado contarán cun escenario adicado a eles.

Non é a única deferencia do Surfing coa cidade. «Queremos que o festival repercuta o máximo posible en Pontevedra», comenta Marcos Rivas. De aí que os concertos remate á unha da madrugada (ás dúas o xoves), de xeito que a hostelería local se poida tamén beneficiar da importante afluencia de persoas que estes días chegan a Pontevedra atraídos polo festival.

Ademais dos concertos, o Surfing the Lérez contará tamén este ano cun escenario infantil, no que se desenvolverán actuacións musicais para os cativos, xogos interactivos, obradoiros e outras actividades lúdicas.

Horarios do xoves:

  •  16.00: Apertura de portas
  • 17.30: Uncle Doc & The Homeboys (Escenario The Groove House)
  • 18.25: Wyygga (Escenario Vibra Mahou)
  • 18.30: Concerto Golfiños (Escenario Infantil)
  • 19.20: YNGZ (Escenario The Groove House)
  • 20.35: Budiño (Escenario Vibra Mahou)
  • 21.40: Ariezzz (Escenario The Groove House)
  • 22.45: Ortiga (Escenario Vibra Mahou)
  • 23.45: Carlangas Dj Set (Escenario Vibra Mahou)
  • 00.50: Sebastian Black b2b G Rich (Escenario The Groove House)

Está pasando!