‘Transfixión’ de Fran Martínez | Lucía Estévez

O Convento de Santa Clara, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, acolle a mostra aberta da ‘Residencia Paraíso’ de Fran Martínez

7 Xullo 2026

  • No marco das Residencias Paraíso 2026, impulsadas polo Colectivo RPM, o bailarín e coreógrafo galego traballou en residencia o pasado mes de maio na súa proposta ‘Transfixión’, un exercicio de misticismo de baixa intensidade, a medio camiño entre o coreográfico e a oración.
  • Agora, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no Convento de Santa Clara, mañá mércores, 8 de xullo, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, con acceso libre (previa reserva de entradas) ata completar a capacidade do espazo.

O pasado mes de maio, o artista Fran Martínez iniciaba en Pontevedra a súa andaina na décima edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía no Convento de Santa Clara, en torno á súa proposta que leva por título ‘Transfixión’, un exercicio de misticismo de baixa intensidade, a medio camiño entre o coreográfico e a oración.

Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, o creador ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Convento de Santa Clara (espazo que se suma por primeira vez ás Residencias Paraíso no ano do seu décimo aniversario), mañá mércores, 8 de xullo, ás 20.00 horas, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra, con acceso libre ata completar a capacidade do espazo.

A través do ir e vir entre o dentro, escuro e introspectivo, e o fóra, visible e indescifrable, Martínez explora a espesura do movemento e da percepción, xerando un espazo onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética.

A reserva de entradas está dispoñible en bienal.depo.gal

Paralelamente, o artista participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2026’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Está pasando!