O día 21 deste mes a Deputación de Pontevedra volverá abrir o prazo de inscrición para os “Bosques terapéuticos”

15 Xuño 2021

As visitas guiadas a espazos naturais sempre son unha aposta segura en canto á oferta de actividades de lecer. Nestes momentos tan excepcionais cómpre aínda máis reformular a relación entre as persoas e a natureza, e que mellor forma de facelo que a través da actividade “Bosques terapéuticos”, onde se mesturan natureza, exercicio, cultura, historia e saúde.

Os bosques terapéuticos baséanse na terapia de Shinrin Yoku ou ‘baño de bosque’, técnica orixinaria do Xapón e que consiste en internarse na natureza para relaxar a mente e reducir o nivel de tensión. Debe ser unha experiencia consciente, na que abrir os cinco sentidos, respirando fondo e camiñando, mentres conectamos co contorno a un ritmo sanador.

Esta actividade realizarase na provincia de Pontevedra, en concreto nos salóns do Lérez (Pontevedra), no Parque Natural Monte Aloia (Tui), no Espazo Natural Arco da Vella (Bembrive, Vigo), no Espazo Natural Cabo Udra (Bueu), na Ruta da Pedra e da Auga (Meis), nos bosques da Picaraña (Ponteareas), no Sendeiro Azul do Río Verdugo (Ponte Caldelas), na senda do Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e na Fraga de Catasós, adaptada ao patrimonio cultural e natural de cada municipio para que a propia terapia se converta nun recurso de ecoturismo axustado a cada estación do ano.

Preténdese que as persoas visitantes gocen dunha experiencia cultural terapéutica e enriquecedora.

As visitas guiadas están destinadas ao público xeral, que deberá desprazarse ata o lugar de encontro de comezo da ruta polos seus propios medios. Polas especiais características das rutas nas que se realizará algún tipo de dinámica relacionada cos bosques terapéuticos, as e os participantes, tanto persoas adultas coma nenas e nenos (cunha ou cun acompañante responsable), deberán gardar, en todo momento, as normas de silencio e de respecto ao grupo, á actividade e ao espazo, indicadas pola ou polo guía.

Cada unha das rutas terá un tema central deseñado especificamente para estas visitas, segundo as características e valores de cada espazo, sobre o que xirará toda a actividade, e contará cun enfoque participativo, no que as persoas poidan sentirse integradas na actividade desde o primeiro momento. Fomentarase o uso dos sentidos favorecendo, por exemplo, a percepción de diversas texturas ou cheiros na natureza, sempre coa premisa da conservación e do escrupuloso respecto ás medidas sanitarias actuais.

En cada unha das rutas haberá unha dinámica específica relacionada cos beneficios dos bosques terapéuticos adaptada aos contidos desenvolvidos na ruta e ao espazo no que ten lugar.

As visitas guiadas terán unha duración aproximada de 1 h 30 min – 2 h. O número máximo de persoas por ruta será de 15 para garantir a calidade da visita e respectar as medidas de seguridade pola alerta sanitaria. Manterase en todo momento a distancia física recomendada e tanto a ou o guía como as persoas participantes usarán máscara. Todas as visitas comezarán ás 10:00 horas para favorecer a procura de tranquilidade e a conexión coa natureza.

Rutas de xullo

O día 21 deste mes a Deputación de Pontevedra volverá abrir o prazo de inscrición para as vindeiras 14 rutas que se desenvolverán no mes de xullo e que abranguerán os nove espazos naturais elixidos este ano. Ademais dos seis citados, figuran tamén o Sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas), a Senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a Fraga de Catasós (Lalín).

O calendario está dispoñible na web da Deputación  e as persoas interesadas en participar deberán cubrir a partir desa xornada o formulario, tamén á súa disposición na páxina web.

Está pasando!