Presentación do XI Festival das Núbebes | Concello de Pontevedra

O Festival das Núbebes volve cunha undécima edición ateigada de propostas artísticas para bebés e familia

17 Setembro 2026

  • O evento, destinado a bebés e familia, ocupará diversos espazos do Pazo da Cultura de Pontevedra e concentrará toda a súa actividade nunha intensa fin de semana de teatro, música e contos.
  • Compañías e contadoras galegas como Catro Cores, Lydia Botana, Ángeles Goás, A Covas das Letras, Malasombra Producións, Pablo Díaz ou Vero Rilo serán as responsables dunha ampla e variada programación.
  • Non faltarán Roque, a mascota do festival, nin a tradicional guerra de almofadas.
  • Os eventos con entrada de pago xa están á venda en Ataquilla.com a un prezo de 3 euros por persoa. As actividades con acceso de balde, poderán retirarse só o mesmo día da función desde 1 horas antes do inicio na billeteira do Pazo da Cultura.

Do 2 ao 4 de outubro o Pazo da Cultura de Pontevedra abrirá as súas portas a unha das citas máis agardadas do calendario cultural: o Festival das Núbebes. Esta undécima, edición presentada polo edil de Cultura Demetrio Gómez e Andrea Bayer de Baobab Creacións, propón unha fin de semana ateigada de propostas artísticas onde a cativada de 0 a 6 anos será protagonista.

Tal e como comentaba o edil, “imos converter o Pazo da Cultura nun berce, nunha gran sala de xogos, no espazo máis acolledor de toda Pontevedra”. Gómez puxo en valor a dificultade e esixencia de dirixir unha programación a para un público tan complicado e esixente como o dos bebés destacando a capacidade da escena local e galega: É impresionante un país como este, capaz de producir en galego espectáculos para este público tan concreto, en tanta cantidade e de tanta calidade. É un programa profesional, complexo e por iso non hai apenas programacións para bebés.

Bayer apuntou tamén sobre este asunto que “as compañías que apostan por crear este tipo de espectáculos son moi valentes xa que ao non haber apenas na Península programacións para público tan concreto de bebés, e moi complicado para elas mover os espectáculos”.

Sobre a programación en concreto desde Baobab Creacións, Andrea Bayer destacou que “é unha programación moi pensada, coas mellores opcións e cunha firme aposta polas compañías e empresas galegas. Ambientaremos os espazos para adaptarnos a este público tan especial e lograr que a semente do festival vaia moi forte, coa idea de que a cativada se converta en grandes creadores e espectadores no futuro”.

A programación arrancará o venres 2 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio coa xa tradicional inauguración a cargo de Roque e artistas convidadas, nunha sesión de teatro, monicreques e música de acceso gratuíto que precisa de retirada de convite 1h antes do inicio na billeteira do Pazo.

O sábado 3 de outubro a actividade multiplicarase polos diversos recunchos do Pazo. A Cova dos Libros Fantásticos acollerá os “Contos con Roque” de Baobab Creacións (11:30 h e 17:00 h). O Salón de Actos vivirá o “Momento musical para familias con bebés” da man da experimentada artista Lydia Botana “Bolboreta” (11:30 h, 17:00 h e 18:00 h). Unha das propostas máis orixinais e novidosas da xornada será “A trompa non só é cousa de elefantes”, da compañía Catro Cores, que achegará este instrumento de vento ao público infantil no Auditorio (12:30 h e 18:00 h). Pola súa parte, a recoñecida narradora Ángeles Goás presentará no Seminario o espectáculo “Unha festa de cans” (12:30 h, 17:30 h e 18:30 h).

O domingo 4 de outubro abrirase ás 11:15 horas no Auditorio coa emblemática “Guerra de almofadas con Roque”, unha cita gratuíta na que se convida a todas as familias a traer o seu propio coxín da casa.

A xornada continuará co espectáculo de música e exploración “Son no berce” da Cova das Letras (11:45 h, 12:45 h e 17:00 h), os “Cantacontos para bebés” de Pablo Díaz no Salón de Actos (12:15 h, 16:45 h e 17:45 h) e a proposta “Pelica de Burra” de Vero Rilo no Seminario (12:15 h e 17:30 h), un destacado traballo de recuperación da lingua galega pensado para a infancia.

O peche do festival terá lugar ás 18:30 horas no Auditorio co espectáculo “Dedín Dedín Dedal e clausura do festival con Roque”, a cargo de Malasombra Producións e coa participación dunha recoñecida actriz pontevedresa. Ademais, durante todo o sábado e domingo, as familias terán á súa disposición o Recuncho das Núbebes no vestíbulo do Auditorio, un espazo de xogo libre, lecer e descanso para gozar entre funcións, aberto de 10:30 h a 13:30 h e de 16:30 h a 19:00 h.

Como información práctica a organización recomenda consultar o programa apunta que para asistir a calquera das actividades, xa sexan de pago ou gratuítas, todas as persoas deben ter a súa propia entrada independentemente da súa idade e os bebés deben ir sempre acompañados dun adulto.

Destacan a importancia da puntualidade xa que non se permitirá o acceso aos espazos unha vez iniciadas as funcións.

Para as entradas de pago, xa está activa a venda a través de Ataquilla.com e de non esgotarse, 1h antes na billeteira do Pazo da Cultura.

Pola súa banda, as entradas gratuítas só se poderán retirar o mesmo día da función na billeteira do Pazo da Cultura, dende unha hora antes do inicio da actividade (cun máximo de 4 por persoa).

Está pasando!