Presentación do 29º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra | © Concello de Pontevedra

O Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra prioriza o soul e os ritmos bailables nun cartel de altísimo nivel

3 Agosto 2023

  • O blues e o soul terán representación a través das artistas internacionais Gisele Jackson, Acantha Lang e Vanessa Collier, namentres a parte máis jazzera do cartel recaerá nos pontevedreses Pablo Patiño e Mr. River
  • O escenario da Praza da Ferraría acollerá os concertos, todos con entrada de balde, entre os días 7 e 11 de agosto, ás 22.30 horas

A Praza da Ferraría repetirá na 29ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra como escenario principal dunha programación de enorme nivel. O edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou esta mañá de xeito oficial todas as actividades incluídas baixo a bandeira dun dos ciclos musicais máis lonxevos e con máis percorrido dos que hai na Boa Vila, que este 2023 será celebrado entre o 7 e o 11 de agosto.

Acompañado polos organizadores e coordinadores do evento, Paco Charlín e José Antonio Ortiz, o concelleiro sinalou que esta «é unha das citas máis agardadas do verán» e que combina ao talento de recoñecidas artistas internacionais co do país. «Só podo agradecerlle a todo o equipo do Festival de Jazz e Blues, xunto ao do Concello de Pontevedra, que este evento se poida realizar logo de 29 anos», explicou Gómez. «É un traballo que require moitísima antelación e constancia, esixe ter un olfacto pola música realmente privilexiado á hora de escoller esta programación de primeirísimo nivel».



A edición deste ano porá o foco no blues e no soul, sen esquecer o jazz que quedará nas mans dos músicos galegos presentes nesta edición. Como non podía ser doutro xeito, todos os concertos serán de balde e tamén a Street Band Chivinjazz percorrerá as rúas da cidade todos os días que dure o festival ás 12.30 e ás 20 horas.

Cómpre sinalar un cambio de última hora no programa principal, ao caer do cartel a artista Carolyn Wonderland por razóns de saúde. A organización, nun movemento áxil e a contrarreloxo, logrou confiar este día a Gisele Jackson and The Shu Shu’s, intérprete nada en Baltimore e iniciada musicalmente no soul clásico. A súa transcendencia pública chegou cando Ray Charles a incorporaba á súa banda para convertela nunha raelette, corista nos seus concertos. Tamén Donna Summer e James Brown a tiveron entre as súas filas en numerosas gravacións e concertos en directo.

Chegará a Pontevedra cunha banda espectacular, na que o órgano hammond sobresairá con luz propia.

Así, o programa definitivo é o seguinte:

  • Luns, 7 de agosto, 22.30 horas – Gisele Jackson and The Shu Shu’s
  • Martes, 8 de agosto, 22.30 horas – Acantha Lang
  • Mércores, 9 de agosto, 22.30 horas – Vanessa Collier
  • Xoves, 10 de agosto, 22.30 horas – Pablo Patiño
  • Venres, 11 de agosto, 22.30 horas – Mr River
Está pasando!