O ‘Pontevedra Verán Fest’ traerá dous meses de festa continuada con máis de 350 actividades distintas para a Boa Vila

30 Xuño 2023

  • O programa deste ano inclúe 23 ciclos diferentes para todos os públicos en 42 escenarios distintos e situados por toda a cidade, contando con até 255 artistas nacionais e internacionais
  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa ilusión «por ver Pontevedra convertida nun fervedoiro de alegría» a través de todas as propostas, todas elas de balde

Pontevedra comezará de inmediato dous meses cunha actividade frenética de ocio e cultura a través do Pontevedra Verán Fest, o programa deseñado pola área de Festas para o verán que acaba de comezar.

Desde a Festa dos Libros e até a Feira Franca, desde o 7 de xullo e até 2 de setembro, a Boa Vila contará con 58 días de festa continuada, 23 programas diferentes para todos os públicos distribuídos en 42 escenarios distintos e situados por puntos variados da cidade, acollendo un total de 356 actividades de 255 artistas nacionais, estatais e internacionais.


Presentación do Pontevedra Verán Fest | © Concello de Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar o nomeado programa. «Van ser o gran festival de verán de Pontevedra. Enchemos de actividade todo o Concello con actividades para todos e todas: nenos, adultos, persoas maiores… Queremos que desde xa a veciñanza e os visitantes bailen, canten e gocen con esta marabillosa cidade en festas».

O rexedor destaca o eclecticismo que transmite a programación deste 2023, «con actividades variadas e de balde», e onde todos os cidadáns «atoparán actividades do seu gusto», destacando, ademais, que estas serán serán realizadas tanto no centro coma nos barrios da cidade e en distintas mparroquias.

«Os verdadeiros protagonistas destas festas son a xente de Pontevedra e tamén as persoas que nos visiten todo o verán. Veremos as rúas cheas de vida durante os vindeiros meses. Indiscutiblemente, toda esta actividade terá un importantísimo retorno económico para distintos sectores da sociedade pontevedresa», sinalou Lores. «Estou moi ilusionado pois este programa conseguirá que Pontevedra sexa un fervedoiro de alegría en moitos eidos».

O alcalde da cidade aproveitou a ocasión para agradecerlle aos responsábeis municipais da confección do programa o seu traballo e a súa planificación para lograr sacalo adiante en tempo e forma.

Así, o programa completo inclúe unha enorme selección de propostas. Haberá cinema, música nunha chea de estilos (pop, rock, ska, jazz, tradicional, electrónica, rap…), espectáculos de monicreques e de animación a pé de rúa, pasarrúas…

Vanesa Martín, Pimpinela, Mago de Oz, La M.O.D.A., Cruz Cafuné, Baiuca ou Recycled J serán, entre outros, as principais apostas musicais que pasarán polo escenario da Praza de España.

O programa completo pode ser consultado aquí.

Na súa versión física, da que serán repartidas 20.000 revistas, será incluída unha pulseira como unha chiscadela ao típico elemento que os festivais de todo o mundo entregan a día de hoxe como entrada individual.


Está pasando!