O singular concerto de música e videoxogos da Orquestra Vigo 430 abre unha intensa semana de programación familiar no Mar de Vigo

21 Decembro 2022

  • Este concerto inédito da Orquestra Vigo 430 terá lugar este venres 23 ás 20.00 horas e será dirixido por Isabel Rubio, coa participación en directo do YouTuber e gamer León Picarón
  • O luns 26 actuará a Hollywood Symphony Orchestra coas espectaculares músicas de cine compostas por Hans Zimmer e John Williams e o martes 27 chegará o musical ‘El Origen del hielo: Tributo a Frozen’
  • A exposición inmersiva Vanguardias está tendo unha gran afluencia de público no Mar de Vigo. Permanecerá tamén aberta o domingo 25 pola tarde, para poder visitala en familia o dia de Nadal

O singular concerto de música de videoxogos que este venres 23 de decembro ofrecerá no Auditorio Mar de Vigo a Orquestra Vigo 430 será o evento que abra unha intensa semana de programación familiar neste recinto.

‘Música e videoxogos: unha odisea sinfónica’ é o título do orixinal concerto que terá lugar o venres ás 20.00 horas. A actuación ofrecerá un percorrido pola historia da música dos videoxogos, desde os anos 80 do século XX ata a actualidade, a través dunha coidada selección feita pola musicóloga Erea Carbajales e o músico Brais González. As músicas de xogos míticos como The Legend of Zelda, Super Mario, Crash Bandicoot ou Mortal Kombat, serán revisadas pola Orquestra Vigo 430, baixo a dirección de Isabel Rubio, que contará coa colaboración en directo do YouTuber e gamer León Picarón, quen fará unha demostración con varios xogos mentres soan as músicas.

Esta agardada actuación será a que abra unha semana cunha intensa programación familiar no Auditorio Mar de Vigo. O luns 26 ás 21.00 horas volverá haber música de altura coa Hollywood Symphony Orchestra, que traerá a Vigo o seu espectáculo ‘Músicas de cine’, baseado nas míticas composicións de bandas sonoras realizadas por John Williams e Hans Zimmer, dous dos compositores máis aclamados no cine de Hollywood. O primeiro compuxo as bandas sonoras de filmes como Star Wars, Indiana Jones ou Harry Potter, e o segundo doutras superproducións como ‘Piratas del Caribe’, ‘Gladiator’ ou ‘El Rey León’.

Todas estas obras forman parte do universo emocional de millóns de espectadores e configuran un magnífico espectáculo de música de cine para gozar en familia, do mesmo xeito que o será o martes 27 de decembro o musical ‘El Origen del hielo: Tributo a Frozen’. Nesta ocasión, terá lugar en horario de tarde ás 17.30 horas, tendo en conta que xa son datas de período vacacional para os máis pequenos. O musical estivo durante varias semanas en Madrid e outras cidades españolas, e narra a historia de Blanca, unha nena que trata de buscar a orixe do xeo, para salvar o planeta do risco dun quecemento global.

Nas seguintes semanas, tamén pasarán polo Mar de Vigo o novedoso espectáculo de maxia e ilusionismo ‘Inventio’, os días 3 e 4 de xaneiro, o concerto de Aninovo en homenaxe a Johan Strauss, interpretado pola Johan Strauss Orchestra o Día de Reis, 6 de xaneiro; e o concerto para celebrar os 50 anos do paso dos míticos Mocedades polo Festival de Eurovisión, cuxa xira leva por título “Eres Tú”, en homenaxe á súa emblemática canción coa que competiran neste festival en 1973. Actuarán o 7 de xaneiro.



Éxito da exposición “Vanguardias” e últimos días para aplicar o Bono Cultura.

Toda esta programación desenvolverase en paralelo coa celebración no Mar de Vigo da exposición ‘Vanguardias’, que está a ser un dos acontecimentos do ano en Vigo. Vanguardias é unha experiencia inmersiva nas obras mestras que marcaron a eclosión das vangardas desde principios do século XX. A exposición está pensada para gozar en familia, e está de martes a domingo  en horario de mañá e de tarde (salvo os sábados 24 e 31 de decembro). Para facilitar o acceso nas datas navideñas, a exposición tamén permanecerá aberta os domingos 25 de decembro e 1 de xaneiro, día de Nadal e de Aninovo respectivamente.

Tanto para a exposición como para calquera dos outros espectáculos, as persoas que adquiriran o Bono Cultura poderán ter un desconto de ata un 50%. Este desconto só será válido ata o 31 de decembro, co cal están a ser os últimos días para canxear o mesmo. As persoas que desexen desfrutar deste desconto deberán retirar as entradas na taquilla física no Auditorio Mar de Vigo, de luns a venres de 12.00 a 14.00 horas, e pola tarde de 19.00 e 21.00 horas, ou ben nos días de espectáculo, desde unha hora antes da función.  O resto das entradas para todos os espectáculos están á venda a www.teuticket.com 

Está pasando!