O teatro regresa esta fin de semana ao Auditorio de Vilagarcía coa comedia postmorten ‘A resurrección de Nuno’

28 Febreiro 2023

  • Esta representación forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorio conveniada entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic, de aí que a entrada teña un prezo reducido de 5 euros
  • Ademais, os colectivos de persoas maiores, desempregados e titulares do carné xoven contan dispoñen de prezo bonificado a 3 euros
  • As entradas poden adquirirse a través de Ataquilla.com ou o día da función, na billeteira do Auditorio, a partir das 18.30 horas

Unha “comedia postmorten”, así define a compañía De Ste Xeito o seu último espectáculo ‘Backup. A resurrección de Nuno’, que se poderá ver o sábado 4 de marzo ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

‘A resurección de Nuno’ é unha obra dirixida por Pilar C. Almanzam e conta cun elenco composto por Pepa Barreiro, Sergio Macías, Stephy Llaryora, Xurxo Cortázar, Nadia Doménech e Anxo Outumuro.



A través dun humor acedo, esta obra presenta unha posibilidade propia da ciencia ficción pero que sen embargo xa está a tocar a nosa porta na actualidade, devolver á vida a un finado a través dunha Intelixencia Artificial e, sobre todo, as consecuencias que iso podería ter no resto das persoas da súa familia

En pleno funeral do avó Nuno, a familia apercíbese de que o seguro contratado polo felecido, ofrece a posibilidade de resucitar dixitalmente ao finado, a través dun innovador dispositivo de Intelixencia Artificial. Mentres tanto gozarán dunha semana de fábula nun resort vacacional de alta tecnoloxía. Inicialmente a matriarca: Sabela, decidirá o como e o cando do uso de tal dispositivo, que permite aos familiares conectarse neuronalmente a Nuno e reencarnalo.

Pero pouco a pouco a resurrección de Nuno vai tomando terreo por si mesma, dando lugar a que saian á boia conflitos e segredos familiares que enfrontan a cada membro deste clan con dilemas que resolver e verdades que asimilar.

¿Que sucedería se puidésemos resucitar a alguén amado? Canto tempo pasará ata que os segredos enterrados co finado saian á luz? Que cambios provocará saber toda a verdade? Serán quén de saír reforzados como familia ao aceptar as súas imperfeccións e disfuncionalidade? Estas e outras preguntas resolveranse nesta orixinal e divertida comedia.

As entradas para asistir a este espectáculo pódense adquirir de forma anticipada a través Ataquilla.com (máis custes de xestión). De non esgotarse, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio dende dúas horas antes do inicio do espectáculo.

Está pasando!