‘O tempo’, temática principal na XL Semana Galega da Filosofía que se celebrará entre o 1 e o 5 de abril no Teatro Principal de Pontevedra

1 Marzo 2024

  • A Aula Castelao celebra con leidica e orgullo continuar en Pontevedra, logo de corenta anos de traxectoria organizativa nun evento «único» dentro da Galiza que se celebrará entre o 1 e o 5 de abril no Teatro Principal
  • Fina Birulés, Arturo Leyte e Franco Berardi son os primeiros nomes revelados dentro do programa oficial que se publicará ao completo nos vindeiros días

A Semana Galega da Filosofía preséntase de novo en Pontevedra como unha das citas culturais máis lonxevas e máis relevantes dentro do circuito intelectual galego. Neste 2024, o ciclo de conferencias organizado pola Aula Castelao acada a súa XL edición, catro décadas reflexionando, xerando pensamento crítico e traendo até a Boa Vila a algúns dos nomes máis relevantes dentro da filosofía contemporánea.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este martes na presentación deste novo capítulo da Semana Galega da Filosofía, en compañía do presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón e Alba Peinado, membro da mesma.

«Só podemos sentir ledicia e orgullo de que Pontevedra siga a ser a casa da Semana Galega de Filosofía e de que a Aula Castelao continúe a ser a súa organizadora», explicou Lores. «Coido que é un evento único, cunha traxectoria especial, na que conta con poñentes de todos os niveis até chegar ao internacional».

Esta edición terá como temática principal ‘o tempo’, tal e como indicou Cendón. «Sempre temos unha acollia moi amábel e masiva, xa que as conferencias organizadas nesta Semana Galega da Filosofía son realmente moi seguidas, chegando xente tanto de Pontevedra como de fóra».

«Para nós é un logro chegar ao número 40, son moitas as persoas que pasaron por aquí, e no noso ánimo está que siga adiante, que teña continuidade no tempo, e, en certa parte, decidimos que ese tempo fose a temática sobre a que reflexionar e debater», sinalou o presidente. «É algo que vén desde sempre, unha preocupación que xa vén dos tempos de Platón e Aristóteles, que preocupa ao ser humano e do que levamos milleiros de anos reflexionando. É unha intuición ou é un concepto o tempo? É unha cuestión fiolosófica pura e grande, mais queremos abrila a cuestións diversas».

Cendón adiantou só un petisco do programa —que será publicado nos vindeiros días na súa totalidade—, que volverá ter sesións de mañá, tarde e noite, con distintas relatoras e relatores, achegando a filosofía até a rúa. «É un formato que inclúe intervencións e preguntas do público», lembrou.

A apertura da Semana Galega da Filosoía correrá a cargo da filosofa catalá Fina Birulés, unha das máis recoñecidas especialistas na obra de Hannah Arend. Doutra banda, a clausura deste 2024 estará en mans de Arturo Leyte.

Desde a organización do evento tamén quixeron subliñar a presencia de Galiza dentro da programación oficial, tanto en temática como en relatores. No referido ao carácter internacional do evento, e a modo de adiante, taméns e confirmou a presenza do filósofo italiano Franco Bifo Berardi, que reflexionará sobre o traballo e o tempo, de como o primeiro modula as nosas vidas dentro do capitalismo e a sociedade tecnocientífica que atravesamos.

Está pasando!