Os ‘Sons de Outono’ enchen de jazz a praza da Peregrina dende este sábado

10 Novembro 2023

O Concello de Pontevedra e o Seminario Permanente de Jazz volven a colaborar neste outono para ofrecer unha programación a pé de rúa, no centro da cidade. É ‘Sons de Outono’, un ciclo que presentaron esta mañá o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez en compañía do director do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, Luís Carballo.

O concelleiro explicou que se trata dunha proposta que se plasmará na praza da Peregrina os sábados de novembro e tamén o primeiro do mes de decembro, na que se poderá gozar “do mellor do jazz emerxente que se pode escoitar hoxe en día en Galiza”. Aínda que se trata de músicos que se están a formar ou están a piques de comezar a súa formación oficial, “son persoas que teñen experiencia de rodaxe”.

O Seminario ofrece unha programación “asequíbel baseada no jazz estándar pero tamén noutros estilos como o blues, o soul ou a bosanova”, explicaba o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

A programación é a seguinte:

Sábado, 11 de novembro: Red Tree

Grupo compostelano de Jazz formado por Inés Carreño (voz), Pablo Sanmamed (contrabaixo) e Marcos Pin (guitarra).

Xuntos dan vida a esas pezas de songbook norteamericano que todos tarareamos algunha vez e recoñecemos na primeira escoita: standars e clásicos que nin pasan de moda nin desapercibidos neste trío.

Sábado, 18 de novembro: Triogénesis

Un trío moi influenciado por diferentes xéneros do Jazz, compaxinando algúns famosos standards cun repertorio propio que os sintetiza dando un toque actual.

O peso rítmico recae sobre Brais Lorenzo, un novo batería que cursou os seus estudos superiores na ESMUC de Barcelona. O contrabaixo depende das mans de Yudit Almeida, recentemente titulada pola ESMAE no Porto. Ambos con percorrido dentro do mundo do Jazz.

Ao piano está Daniel Corral, o máis novo dos tres. Aínda non comezou os seus estudos superiores, aínda que xa deu os seus primeiros pasos nalgúns festivais como no de Nigrán ou Armenteria cun trío baixo o seu nome.

Os tres xúntanse co fin de fusionar a experiencia e habilidade con ideas novas e ambición.

Sábado, 25 de novembro: Sicixia Quartet

Creado no ano 2023 por alumnos do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, Sicixia é un cuarteto formado por María Villanueva (voz e guitarra), Javier Abraldes (guitarra), Berto Rial (contrabaixo) e Luis Vivas (batería).

A base do seu repertorio son os standards de jazz pero tamén inclúe verslóns jazzísticas de boleros, sambas brasileiras e música próxima ao blues, gospel e soul, de autores como Vinícius de Moraes, Tom Jobim, Caetano Veloso e Amy Winehouse

Sábado, 2 de decembro: Down Underground

Segundo disco do guitarrista Robert Beade onde presenta como novidade tres temas cantados dos 6 que compoñen este disco. Robert dá un paso cara adiante presentando un disco moi variado e co aliciente de ter colaboracións de primeiro nivel.

Musicalmente segue o ronsel do seu anterior disco ‘Influences’, no que podemos apreciar o crecemento do artista desde o seu lanzamento ata o de agora.

Robert Beade guitarrista natural de Barro (Pontevedra) forma parte da Ibanda de José Rubio e como guitarrista en Evil Hunter. Formou parte dos grupos Jit, Negra Sombra, Extrema Unción, Feitizo, Nova Era ou Rock Sonic.



Os espectáculos serán na praza da Peregrina a partir das 12.00 horas. En caso de choiva, os concertos trasládanse ao Palco da Música da Alameda.

Máis información en www.pontejazz.org

Está pasando!